Skip to main content

Innovación e Industria apoia a declaración da Rapa das Bestas de Sabucedo como festa de Interese Turístico Internacional

O xerente da S.A. de Xestión do Xacobeo, da Consellaría de Innovación e Industria, Ignacio Rodríguez Eguíbar, xunto co presidente da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, Javier Quintillán, e o concelleiro de Cultura de A Estrada, José Manuel Reboredo, presentaron en Santiago a Rapa das Bestas de Sabucedo 2006, que ten lugar nesta parroquia estradense entre o venres 30 de xuño e o luns 3 de xullo.

Na presentación, o xerente do Xacobeo reiterou o apoio da Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Innovación e Industria á declaración desta festa como de Interese Turístico Internacional (actualmente pendente da resolución do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio). A Dirección Xeral de Turismo remitiu na primeira quincena de abril pasado un informe favorable a esta declaración, que concede o Goberno Central. En Galicia tan só gozan deste recoñecemento a nivel internacional as Festas do Apóstolo de Santiago, a Romaría Vikinga de Catoira e o Festival Folk de Ortigueira.

Programa

O programa desta edición da Rapa das Bestas, segundo explicaron os seus organizadores, arranca o venres, 30 de xuño, coa inauguración de varias exposicións sobre a festa, a súa historia ou o personaxe do mestre de Sabucedo. Ese mesmo día iníciase tamén o festival Sons da Rapa, con actuacións de grupos folk na carballeira do Campo do Medio (Linho do Cuco, O tear da Llerena, Le Punk e Viñalar Fantastic Band).

O sábado 1 de xullo, trala misa na alborada, ás 6:30 da mañanciña, comeza propiamente a Rapa, coa suba ao monte, a xuntanza das greas e a baixada. O primeiro curro está previsto para as 19:30 horas. O programa do día péchase cunha verbena ás 22:30 horas no Campo do Medio. O segundo curro é o domingo, 2 de xullo, ás 12:00 do mediodía. Pola tarde hai unha foliada tradicional na carballeria do Campo do Medio, dentro do festival Sons da Rapa, coas actuacións das pandeireteiras de Barro de Arén, O Tear da Llerena e Os Abrentes de Cerdedo, pechándose as celebracións cunha verbena. O luns 3 de xullo celébrase o terceiro curro, ás 12:30 horas, e xa pola tarde soltaranse as bestas nos montes de procedencia.

A Rapa das Bestas de Sabucedo, que acadou en 1963 a categoría de Festa de Interese Turístico Nacional, xuntou o pasado ano unhas 20.000 persoas, só na fin de semana. En total, este ano participarán no curro entre 500 e 700 cabalos dos montes lindantes, segundo a organización.

Para obter máis información sobre a Rapa, pódese visitar a web www.rapadasbestas.es.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia