Skip to main content

Innovación e Indutria fomenta o turismo no medio rural con axudas para crear aldeas turísticas

O Diario Oficial de Galiza (DOG) publica o 29 de maio de 2006 unha Orde da Consellería de Innovación e Industria pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva de subvencións para o fomento de infraestructuras turísticas no medio rural e se procede á súa convocatoria para o ano 2006. O crédito orzamentario destinado para este fin é de 1.000.000 de euros, que se distribuirán en tres anualidades, ata 2008.

Na exposición de motivos desta orde lémbrase que o medio rural galego é un espazo ideal para o turismo, pero a dificultade de manter servizos eficientes provoca un continuo éxodo da poboación que leva consigo o abandono de vellas casas e construccións perfectamente integradas no medio e na paisaxe. Por iso, cara a unha efectiva descentralización e desestacionalización do turismo, proponse o acondicionamento de construccións para dedicalas a aldeas de turismo rural, a través de proxectos que profunden no coñecemento da historio e do lugar.

De acordo con esta orde poderán ser obxecto da subvención os investimentos relativos a rehabilitación ou restauración de construccións que permitan a creación dunha aldea de turismo rural, considerada como un conxunto de, como mínimo, 3 casas situadas no mesmo núcleo rural, que sexan explotadas de forma integrada e pertenzan ao mesmo titular. O conxunto das vivendas gardará entre si unha distancia máxima de 500 metros.

Aldea termal

Como novidade, tamén entra dentro do ámbito da convocatoria, por primeira vez a rehabilitación ou restauración de edificacións que permitan crear unha aldea termal, tendo esta consideración a aldea rural que proxecte a captación de auga mineiro-medicinal ou auga do mar, co fin de dispor dunha oferta complementaria de actividades de balneario ou talasoterapia (uso lúdico e terapéutico da auga mariña).

Nun terceiro apartado, entraría ademais no ámbito desta orde a rehabilitación de construcións vencelladas a un proxecto de aldea rural xa existente que aínda non estean en funcionamento co obxectivo de complementar este.

Os solicitantes destas axudas axumen diferentes obrigas, entre elas a de mante-la súa actividade durante un período mínimo de 15 anos, ter o establecemento aberto e en funcionamento durante 8 meses ao ano e obrigatoriamente os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, así como adscribirse á Central de Reservas de Turgalicia e crear e manter durante alomenos 5 anos un número determinado de postos de traballo.

Os proxectos que se recollen nesta orde poderán acadar un máximo de axuda de ata o 30% do investimento total, e engadiránse seis mil cen euros por cada posto de traballo que se cree, con carácter indefinido.

Memoria histórica

Os proxectos serán de rehabilitación ou restauración, non de construcción ex novo, mantendo e recuperando a memoria histórica dos inmobles e o seu contorno. Deberán respectar a estrutura das edificacións, así como volumes e formas preexistentes, tendo especial coidado na resolución da cuberta, lucernarios e elementos auxiliares, así como o tratamento das fachadas.

Para optar ás subvencións, os titulares dos establecementos deberán asumir, entre outros compromisos, os de manter a súa actividade durante un período mínimo de 15 anos, ter o establecemento aberto e en funcionamento durante un mínimo de 8 meses ao ano e obrigatoriamente entre xuño e setembro e adscribirse á central de reservas de Turgalicia.

As solicitudes de subvención, xunto coa documentación que se especifica na orde, presentaranse na delegación provincial correspondente da Consellería de Innovación e Industria, no prazo de 1 mes dende mañá martes, día seguinte da publicación da norma no Diario Oficial de Galiza.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia