Skip to main content

Un centenar de operadores asisten á presentación en Nova York de Galicia como destino turístico

Aproveitando a exposición “On site: new arquitecture in Spain”, que alberga estes meses o MoMA -Museo de Arte Contemporánea de Nova York-, o Xacobeo, en estreita colaboración coa Oficina de Turismo de España nesta cidade xuntará a autoridades, operadores do sector turístico e medios de comunicación locais especializados en temas culturais, nunha cea-presentación de contido galego e coidada imaxe. A presentación terá lugar no restaurante The Rainbow Room, situado no Rockefeller Center.

Autoridades

O acto contará coa presenza, por parte da Xunta, do secretario xeral da Consellería de Innovación e Industria, Emilio Nogueira Moure, e a subdirectora xeral de Fomento do Turismo, Pilar Morgade Saavedra, que estarán acompañados por Javier Piñanes Leal, director da Oficina Española de Turismo en Nova York, altos representantes da Embaixada de España ante a O.N.U., o conselleiro de Información do Consulado español nesta cidade e o director do Moma, entre outras autoridades.

No evento presentarase a oferta de Galiza como destino turístico, cun protagonismo especial do Camiño de Santiago e a cidade de Santiago de Compostela. A cea incluirá tamén a emisión do vídeo “Dreaming of Galicia. The Sound of The Stone”, que presentará unha Galiza do século XXI, que sabe conxugar perfectamente a tradición coa modernidade e na que convive o respecto polas tradicións e a aposta polas vangardas artísticas, intelectuais e industriais de múltiples sectores como a moda, o turismo ou as tecnoloxías da información.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia