Skip to main content

Galicia presentouse en Londres como destino para as vacacións curtas dos británicos

O director xeral de Turismo da Consellaría de Innovación e Industria, Rubén Lois, presentoulles en Londres aos operadores turísticos británicos o destino Galiza para as vacacións curtas (short breaks) dos británicos ao longo de todo o ano.

Dentro do marco da feira STEPS, organizada pola Oficina de Turismo de España en Londres co obxectivo de promocionar os destinos peninsulares entre o público de Gran Bretaña, a Consellaría de Innovación e Industria promocionou Galiza como un país próximo e cunha oferta turística variada, moi axeitado ás preferencias dos ingleses.

Rubén Lois referiuse na súa intervención ante os operadores turísticos británicos aos produtos con máis éxito do panorama galego, ás boas comunicación aéreas que existen na actualidade entre Londres e ao carácter acolledor dos galegos.

Segundo o director xeral de Turismo, Galiza é na actualidade un destino próximo para o turista británico, xa que se manteñen conexións aéreas diarias a través de dous aeroportos: A Lavacolla e Alvedro.

O territorio galego está así a menos de dúas horas de Londres e ofrece grandes posibilidades para as estancias curtas, pontes e fins de semana.

Na súa intervención, Rubén Lois, lembrou as posibilidades que ofrece Galiza dentro do Turismo de Saúde, coa oferta máis ampla e máis renovada da Península. Neste eido, o director xeral referiuse á combinación entre Turismo de Saúde e Golf, que singulariza a oferta galega e a fai máis atractiva que as demais.

Na presentación en Londres, Rubén Lois falou das amplas posibilidades que ofrecen para o ocio e as compras as cidades galegas, das que salientou a boa intercomunicación entre elas e o seu patrimonio histórico-artístico.

O director xeral de Turismo mostrou Galiza como un destino destacado no eido do Turismo Náutico, con múltiples instalacións para a práctica dos deportes náuticos e cunhas condicións de navegabilidade óptimas ao longo de todo o ano.

Por outra parte, Rubén Lois referiuse tamén ao desenvolvemento do Turismo Interior en Galiza, no que se poden atopar contornos ideais para o descanso e unha rede de aloxamentos ben distribuídos polo territorio.

Ademais, o director xeral falou das amplas posibilidades que ofrecen determinadas zonas galegas para a organización de viaxes de incentivo e do pulo das cidades galegas no eido dos congresos.

O mercado británico é o terceiro mercado estranxeiro máis importante para o Turismo galego. Ao longo do ano 2005 os ingleses foron o 11,5 por cento do total dos turistas estranxeiros que visitaron Galiza, un total de 80.000.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia