Skip to main content

Innovación e Paradores desenvolverán unha campaña para a promoción dos establecementos galegos no Estado

O conselleiro de Innovación e Industria e presidente da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, Turgalicia, Fernando Blanco, e o presidente de Paradores, Antoni Costa, asinaron en Santiago un acordo de colaboración para a promoción dos establecementos galegos adheridos á rede hoteleira, e de xeito especial os dous que se sitúan na Ribeira Sacra, Santo Estevo de Ribas de Sil (Ourense) e Monforte de Lemos (Lugo).

Segundo este acordo, Turgalicia e Paradores de Turismo desenvolverán unha campaña de publicidade, entre os días 23 de marzo e 21 de abril, ao obxecto de divulgar no Estado as posibilidades que ofrecen os paradores galegos e atraer visitantes ao noso país.

Polo convenio asinado hoxe entre os presidentes de Turgalicia e Paradores, destinaranse 200.000 euros á realización dunha campaña de publicidade nos medios de comunicación españois, de acordo coa creatividade da campaña actual da empresa hostaleira.

Este acordo de colaboración entre as dúas institucións xorde como consecuencia das xuntanzas que mantiveron os presidentes de Turgalicia e Paradores ao obxecto de incentivar a ocupación dos dous establecementos da Ribeira Sacra, mediante a promoción da zona e dos dous hoteis.

Deste xeito, unha das creatividades publicitarias fai específica referencia á Ribeira Sacra: “Vive a Ribeira Sacra”, na que se inclúen fotografías dos paradores de Santo Estevo de Ribas de Sil e Monforte de Lemos, así como un texto no que se relacionan os principais atractivos turísticos deste territorio do interior galego.

Ademais, a campaña conta con outro anuncio, “Vive Galicia” que se centra na oferta global dos paradores galegos.

Paradores conta con 11 establecementos en Galicia de entre cinco e catro estrelas. Os dous últimos paradores abertos foron os de Monforte de Lemos (Lugo) e Santo Estevo de Ribas de Sil que, con 50 e 74 cuartos respectivamente, sitúan á Ribeira Sacra como unha das zonas interiores mellor dotadas de prazas hostaleiras de calidade.

Así, a Consellería de Innovación e Industria considera obxectivo prioritario para esta lexislatura a promoción turística desta zona, promoción que inclúe os establecementos hoteleiros e a dinamización da oferta complementaria para incrementar a ocupación.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia