Skip to main content

Innovación e Industria convoca axudas aos concellos galegos para o acondicionamento e mellora das zonas de baño

A Consellería de Innovación e Industria fai pública no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de subvencións a concellos do litoral para o acondicionamento e mellora das zonas de costa onde se practique o baño para o ano 2006. A Consellería dirixida polo nacionalista Fernando Blanco concederá estas axudas, rexidas polos principios de publicidade, concorrencia competitiva e obxectividade, con cargo aos créditos previstos para 2006, destinándose a elas un crédito por importe total de 600.000 euros.

A Consellería de Innovación e Industria subvencionará proxectos que teñan como obxectivo a mellora dos espazos de uso turístico ou dos servizos destinados á mellora do produto “praia” (mellora de accesos ás praias, dos servizos ofertados, embelecemento do entorno...); proxectos destinados á conservación dos recursos turísticos de tipo ecolóxico e ambiental; proxectos encamiñados á recuperación dos areais dun xeito ecolóxico aproveitando os seus valores paisaxísticos naturais e a súa potencialidade para uso turístico; e actuacións de sinalización de elementos con valor ambiental, entre outras.

O obxecto destas actuacións é, por un lado, dar resposta á nova demanda de zonas de ocio en enclaves de maior calidade ambiental e, por outro, potenciar o turismo, tanto foráneo coma local, que opta por lugares que ofrecen posibilidades diferentes aos habituais do turismo de masas. Trátase, segundo os fins da Consellería, de realizar unha explotación organizada e racional do litoral, baseada nas premisas do desenvolvemento sostible, e que consiga captar e consolidar visitantes. Innovación e Industria pretende avanzar no proceso de consecución do máis alto grao de calidade nas praias, tanto dende o punto de vista ambiental, hixiénico sanitario, de servizos, de accesibilidade, etc., cara á implantación e posterior certificación de calidade de xestión das praias da costa galega.

No desenvolvemento deste tipo de actuacións acadan especial importancia, polas súas competencias, os Concellos nos que se localizan as praias, aos que se dirixen as subvencións, por seren as Administracións locais as que asumen a maior participación no proxecto e a execución do mesmo en cada praia concreta. Cómpre destacar que Galiza conta cun total de 1.300 quilómetros de litoral costeiro e con 708 praias.

Os proxectos recollidos na orde publicada hoxe no DOG poderán acadar un máximo de axuda de ata o 50%, cun máximo de 60.000 euros do presuposto do investimento subvencionable. As solicitudes de subvención serán estudadas por unha comisión técnica de valoración presidida polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación e na que actuarán como vocais, entre outros representantes da Administración, os delegados provinciais da Consellería de Innovación e Industria.

Os inspectores de Turismo das Delegacións trasladarán á comisión un informe sobre a localización, necesidade ou oportunidade do proxecto a realizar e o conselleiro de Innovación e Industria ditará as resolucións de concesión que cumpran, tras analizar as propostas de concesión ou denegación adoptados pola comisión técnica.

Para a valoración das solicitudes teranse en conta, en orde decrecente, os seguintes criterios: que exista un plan de dinamización ou excelencia turística; criterios de calidade da actuación presentada; dotación existente nas praias e necesidades formuladas para o seu bo funcionamento; grao de investimento efectuado pola entidade local de que se trate nos últimos exercicios; e actividades de recreo, ocio esparexemento, educativas ou doutra índole relacionadas co mar que o concello solicitante leve a cabo na zona onde se vai intervir.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia