Skip to main content

Galiza combina a súa oferta cultural e termal como principal eixo de promoción na Feira Internacional de Turismo de Berlín

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, xunto co director xeral de Turismo, Rubén Lois, mantivo reunións de traballo cos touroperadores internacionais Gebeco Reisen, Ibero Tours, Dertour e TUI, no marco da Feira Internacional de Turismo de Berlín (ITB 2006) que se desenvolve na capital alemá desde hoxe e ata o vindeiro domingo.

Segundo explicou o conselleiro, o que se está a promocionar fundamentalmente nestes contactos cos touroperadores é a oferta cultural de Galiza combinada co termalismo e o obxectivo é que os touroperadores deseñen paquetes turísticos que inclúan visitas ao patrimonio galego xunto con estancias en balnearios. Blanco sinalou que Santiago é un punto de referencia fundamental desde o que se queren “establecer itinerarios culturais por todo o país”. Para o conselleiro nacionalista o turista alemán é moi importante para Galiza tanto polo seu alto nivel adquisitivo como polo seu dinamismo á hora de viaxar e alto nivel de esixencia, o que a xuízo de Blanco “débenos levar a reforzar o concepto de calidade de Galiza como destino”.

Por último, o titular de Innovación e Industria confirmou tamén que se manterán contactos coas compañías aéreas, caso de Air Belin, buscando pór todas as facilidades posibles para que se incrementen os enlaces entre Galiza e Alemaña.

Varias informadoras galegas especializadas, así como persoal da área de feiras de Turgalicia, están atendendo os mostradores galegos na ITB. A Internationale Tourismus-Börse reúne uns 10.000 expositores de 180 países de todo o mundo. Na pasada edición déronse cita nesta feira, ademais, un total de 7.285 xornalistas de 85 estados. Celébrase no Centro de Congresos da capital alemá.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia