Skip to main content

Adega rexeita a ubicación proposta do novo Parador de Muxía por estar en terreos da Rede Natura 2000

O lugar proposto para a ubicación do Parador da Costa da Morte, a Punta de Lourido, no concello de Muxía, pertence á coñecida Rede Natura 2000, a rede de espacios naturais protexidos ao longo de toda Europa e igualmente protexida pola Xunta de Galicia como Espacio Natural en Réxime de Protección Xeral. A punta de Lourido, ao igual que a praia e dunas do mesmo nome, acollen hábitats e especies recollidos na Directiva de Hábitats e polo tanto de obrigada conservación, pertencendo estes lugares ao coñecido como Lugar de Interese Comunitario (LIC) Costa da Morte.
O mesmo Conselleiro de Política Territorial, D. Alberto Núñez Feijoo, rexeitou anteriormente outras ubicacións por afectar a espacios da Rede Natura 2000, cuestión esta da que nos felicitamos pois parece que comeza a terse en conta a lexislación comunitaria en materia de conservación da biodiversidade o que podería reflectir unha maior sensibilidade por parte da administración autonómica. Non se entende, polo tanto, que a ubicación actualmente proposta pretenda ocupar terreos protexidos de gran valor ecolóxico nun litoral de gran riqueza marisqueira e polo tanto económica.
Dende ADEGA consideramos que un Parador de Turismo pode ser un revulsivo económico para a zona e pode contribuír á valorización precisamente dos recursos naturais do LIC da Costa da Morte; por eso mesmo propoñemos a ubicación do mesmo no extremo oposto da Cala de Lourido, en Punta Arliño, xa fora do LIC e que igualmente é unha paraxe de extraordinaria beleza que neste momento se atopa fortemente degradada xa por un verquedoiro de lixo, a estrada e un pequeno campo de fútbol que pode ser facilmente reubicado. O Parador, aquí situado, podería contar entre os seus atractivos co de estar a carón da Rede Natura 2000, respectándoa, o que en si supón unha valiosísima publicidade.
Dende ADEGA agradamos a que se cumpra a lexislación europea e que as verbas do Conselleiro de Política Territorial no senso de respectar a Rede Natura 2000 non caian en saco roto, máis tendo en conta que existe unha alternativa óptima que dende aquí propoñemos aos responsábeis e ao conxunto da sociedade.
Adega