Skip to main content

250 turoperadores asisten á presentación de Galiza e Santiago como destinos de turismo cultural en Palma de Mallorca

* O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e o director xeral de Turismo, Rubén Lois, asistiron á cea-presentación que se desenvolveu na capital balear, organizada pola Consellería de Innovación e Industria en colaboración con Turismo de Compostela e o touroperador Travelplan.


A Consellería de Innovación e Industria presentou en Palma de Mallorca, en colaboración con Turismo de Santiago e o touroperador Travelplan, unha campaña para dar a coñecer Galiza e Santiago de Compostela como destinos de turismo cultural aos operadores e á prensa local de Baleares. En particular, presentóuselles un paquete turístico creado conxuntamente entre Turismo de Santiago e Travelplan para estancias longas en Compostela, que inclúe voo directo de Air Europa entre Palma e o aeroporto da Lavacolla, aloxamento por 5 ou 7 noites, visita guiada con mp3, excursións radiais por Galiza e transfers.


Asistiron á cea-presentación, que congregou a máis de 250 convidados entre touroperadores e medios de comunicación, o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco e o director xeral de Turismo, Rubén Lois González, así como o concelleiro de Turismo compostelán, Francisco Candela; o xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi e José Oreiro, director do turoperador oficial da cidade, Compostur. A eles sumáronse o director xeral de Travelplan, José Duato, e representantes do Goberno balear, entre os que se contaban o director xeral para o Fomento do Turismo, Eduardo Gamero; a directora xeral de Vivenda, Isabel Borrego e, en representación do concello anfitrión, a primeira tenente de Alcalde e concelleira de Turismo de Palma de Mallorca, Francisca Benassar.


A Consellería de Innovación e Industria colaborou nesta cea-presentación, que tivo lugar no Gran Casino de Mallorca, cunha montaxe-espectáculo de Turgalicia, baixo o nome de Cabaré galego, que combinaba escenas de revista coa degustación de produtos gastronómicos galegos. O paquete turístico ofertado converte a Compostela en destino cultural preferente para os mallorquinos e en punto de partida para achegarse ao resto da oferta turística galega. Aos servizos referidos, engádense outros complementarios que comercializa o turoperador compostelán Compostur, a través do cal os viaxeiros poden reservar visitas adicionais, sesións de balneario, deportes de natureza, excursións por Galicia e outros produtos turísticos.


As presentacións continuarán nas Canarias

As intervencións do conselleiro de Innovación e Industria, do concelleiro de Turismo compostelán e do director xeral de Travelplan coincidiron en sinalar a importancia do convenio alcanzado por Travelplan e Turismo de Santiago para a promoción de Galicia como destino cultural, con especial énfase nas estancias longas e nas temporadas media e baixa.


A presentación repítese 7 de febreiro no Salón La Cascada de Tenerife e o xoves 9 no Hotel Santa Catalina de As Palmas de Gran Canaria. Corresponde entón aos turopeadores canarios entrar en contacto coas vantaxes do paquete turístico para aproveitar os 11 voos –14 en temporada alta- cos que Air Europa conecta semanalmente ao aeroporto da Lavacolla coas illas españolas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia