Emilio Pérez Touriño anuncia que o Goberno da Xunta impulsará un gran pacto galego polo turismo que implique a todas as administracións e axentes sociais

Na súa intervención, o presidente da Xunta tamén anunciou que o Goberno galego se está a plantexar “importantes deberes respecto ao noso futuro turístico”, o principal deles, sinalou, “construír unha nova visión da nosa realidade para que sexa coñecida, extraer o máximo rendemento aos nosos recursos e dirixir o crecemento da oferta cara á satisfacción dos cidadáns”.
A finalidade é levar a cabo un “cambio profundo” en materia de turismo, un cambio que aposte “pola renovación e a cualificación da imaxe de Galicia como territorio con enormes valores paisaxísticos, culturais e patrimoniais e como país acolledor”. “O noso obxectivo –remarcou Pérez Touriño- é ofrecerlles unha Galicia renovada, unha oferta cualificada e de excelencia, un destino exclusivo no que a auga, o verde e a paisaxe son os protagonistas. Un país atlántico por descubrir”.
Cambio baseado en catro eixes
Neste sentido, o xefe do Executivo galego salientou que o cambio do modelo turístico da Comunidade se vai basear en catro grandes eixes: a promoción, a desestacionalización, a formación e a innovación e a aposta pola calidade.
“En primeiro lugar –sinalou- poremos en marcha unha nova Lei do turismo de Galicia que ordene, diversifique e mellore a promoción dos nosos recursos”. Así mesmo, o Goberno da Xunta apostará por medidas de desestacionalización que reforcen a actividade turística nos meses de menor actividade e porá en marcha un Instituto de Estudos Turísticos que impulse a investigación e a formación no sector e se converta “nun auténtico observatorio do turismo”.
“E para conseguir unha oferta cualificada e de excelencia poremos en marcha unha Oficina Galega de Calidade Turística que garanta unha mellora da calidade integral e global en todos os destinos do noso territorio”, engadiu Emilio Pérez Touriño.

Destino turístico conxunto
Por último, o máximo mandatario autonómico avogou por aproveitar as actuacións da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e consolidar, a curto prazo, esta Eurorrexión, tendo en conta, lembrou, “que en poucos espazos europeos transfronteirizos concorren tal cantidade de elementos comúns e tal interese social por potencialos e convertelos nun factor dinámico de desenvolvemento”.
“Tentaremos que deste esforzo de cooperación transfronteiriza naza, no seu momento, un destino turístico conxunto, onde os visitantes poidan percibir e valorar unha nova configuración do territorio, onde se lles ofreza a singularidade dunha mesma cultura con dous matices distintos e a riqueza dun mesmo pobo artificialmente separado pola historia e reunido hoxe pola nova Europa sen fronteiras”, asegurou.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia