Skip to main content

Galiza presenta a súa oferta turística para o ano 2006 na Bolsa de Turismo de Lisboa (BTL)

A Consellería de Innovación e Industria, a través de Turgalicia, da Dirección Xeral de Turismo, presenta a oferta turística galega na capital portuguesa, ata o día 22 de xaneiro. Este ano apóstase pola promoción da diversidade turística de Galiza, facendo especial fincapé no territorio da Ribeira Sacra, as cidades e o Turismo de Saúde.

Turgalicia está presente na BTL, a feira do turismo máis importante de Portugal –na que se prevé que participen arredor de 40.000 persoas de 74 países- cun stand propio que atenderá aos profesionais do sector turístico portugués e ao público en xeral.

No espazo galego, que ademais servirá de punto de encontro para os contactos dos profesionais galegos cos do resto dos países participantes, estarán como coexpositores os concellos de Lugo e Ferrol, e os organismos Turismo da Coruña, Turismo de Vigo, Padroado Provincial de Turismo Rías Baixas (Pontevedra), Padroado Provincial de Turismo de Ourense, Comarca do Salnés e Comarca Arousa Norte.

No seu labor de promoción, Turgalicia presenta unha oferta turística variada para o primeiro mercado internacional, xa que ao longo do pasado ano foron o 16,7 por cento dos visitantes estranxeiros que recibiu o noso país.

O stand de Turgalicia ocupa unha superficie de 216 metros cadrados, nos que se distribuirá o variado material de promoción tanto de Galiza en xeral, como o dos coexpositores.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia