Skip to main content

Innovación e Industria presenta en Fitur 2006 un stand de 1.200 metros cadrados con toda a oferta turística de Galiza

A Consellería de Innovación e Industria, a través de Turgalicia-Dirección Xeral de Turismo, presentará un stand institucional na Feira Internacional do Turismo de Madrid, FITUR 2006, que servirá de escaparate para a presentación de Galiza como destino aos operadores e profesionais do sector turístico, e no que estará presente toda a oferta, servizos e recursos turísticos galegos, entre os días 25 e 29 de xaneiro.

Este ano, como novidade, a Consellería de Innovación e Industria presentará o día 26 de xaneiro as novas liñas estratéxicas do Turismo para o noso país que pasan fundamentalmente por unha aposta polo I+D+i no sector turístico, a sostenibilidade turística, o fortalecemento do tecido empresarial e a creación de emprego.

Para esta edición de FITUR, Turgalicia deseñou un recinto promocional de 1.223 metros cadrados no que tamén estarán como coexpositores o Plan de dinamización turística da Costa da Morte e os padroados provinciais de Turismo de Ourense e Rías Baixas (Pontevedra), as entidades Turismo de Santiago, Turismo da Coruña, Turismo de Vigo, Mariña luguesa, Comarca do Salnés, Comarca do Morrazo, a Mancomunidade Arousa Norte, e os concellos de Lugo e Ferrol.

Ribeira Sacra
Este ano, Turgalicia promocionará dun xeito especial a Ribeira Sacra, como un dos destinos de interior máis impresionantes de Galiza, no que se poden desenvolver actividades moi diversas e que conta con aloxamentos turísticos de calidade.

Ademais, o stand galego apostará pola difusión do patrimonio histórico e cultural das cidades galegas como elemento turístico de gran valor.

Cita internacional
A Feira Internacional do Turismo de Madrid, FITUR, está consolidada como un mercado de referencia internacional para os distintos destinos e productos turísticos, e supón unha inmellorable plataforma de promoción e comercialización turística.

Este ano, este certame turístico contará coa participación de 808 expositores directos, 11.500 empresas e agárdase que se acheguen ata o recinto feiral máis de 100.000 persoas.

Polo que respecta ao stand institucional galego, o seu deseño quere transmitir de Galiza unha imaxe de marca de prestixio como destino, onde o turismo forma parte dun todo: un xeito de vida con personalidade propia.

Deste xeito, para xenerar curiosidade entre os visitantes, empregaranse elementos e materiais de carácter innovador, e incluiranse imaxes de alto enfoque publicitario e unha grande compoñente humana que constituirán o eixo principal de comunicación do stand.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia