Skip to main content

A Consellería de Innovación e Industria destina 54.100 euros á realización de proxectos de investigación no ámbito turístico

A Consellería de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de I+D+I, vén de resolver a adxudicación das axudas para a realización de proxectos de investigación sobre materias turísticas relacionadas con Galiza. En total, foron seleccionados seis traballos, presentados por cinco investigadores e un equipo interdisciplinar, aos que se destina un orzamento total de 54.100 euros. Os beneficiarios deberán desenvolver os seus proxectos de investigación no ámbito turístico no prazo dun ano e percibirán unha dotación económica que oscila, dependendo do tipo de traballo e da súa complexidade, entre os 4.000 e os 5.750 euros.

DENDE O TURISMO RURAL ATÉ AS ESTRATEXIAS DA COMUNICACIÓN TURÍSTICA

Os proxectos seleccionados na convocatoria abordan distintas áreas do sector turístico, dende o fomento do turismo rural até as estratexias de comunicación turística. O proxecto que recibirá a contía anual máis alta, 11.500 euros, trata sobre o estudo e a catalogación das aldeas abandonadas para o turismo rural. Síguenlle, en contía económica, dous proxectos dotados con nove mil euros cada un e que abordarán as políticas de fomento do turismo rural –cunha avaliación da súa repercusión en termos de emprego e actividade empresarial- e a avaliación das políticas turísticas en áreas do interior do país– que abordará un estudo dos casos de Santiago de Compostela, Lugo e a comarca do Eume-, respectivamente. O turismo forestal e a revitalización das comarcas de carácter rural é o tema doutro dos proxectos seleccionados e que recibirá unha dotación de 8.500 euros. Por último, e dotados con 8.100 e con 8.000 euros, respectivamente, están os estudos sobre as estratexias de comunicación turística –a marca Galiza- e a monumentalización de Compostela na era monterista: a fusión da cidade e o agro.

As axudas para a realización de proxectos de investigación sobre o ámbito turístico están destinadas a investigadores mozos que non superen os corenta anos de idade e que posúan a diplomatura en turismo, sexan técnicos de empresas ou de actividades turísticas ou sexan titulados superiores. Ademais, os beneficiarios deben acreditar formación ou experiencia en materias relacionadas coa área de investigación proposta e non poden ter recibido en máis dunha ocasión algunha axuda deste tipo en anteriores convocatorias da antiga Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou da Dirección Xeral de I+D+I.

A finalidade destas axudas é manter a demanda turística existente en Galiza e incrementala en todo o posible, dada a importancia que posúe este sector no desenvolvemento da economía galega. Este conxunto de axudas da Dirección Xeral de I+D+I inscríbese no Programa de Ciencias Sociais do Plan Galego de I+D+I, dentro do bloque de Servizos ao Cidadán. O Programa sectorial de Ciencias Sociais abrangue os campos de estudo da educación, a saúde pública, o dereito, a economía, o deporte, o turismo e o ocio, co obxectivo de levar a investigación, o desenvolvemento e a innovación ao ámbito das ciencias sociais

Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia