Skip to main content

Galiza ten unha presenza destacada no Salón Náutico de París

O director Xeral de Turismo da Consellería de Innovación e Industria, Rubén Lois González, está a reforzar, coa súa presenza, a promoción de Galiza e da súa oferta náutica no Salón de París, considerado como un dos máis importantes do mundo no seu campo. Lois González está a manter na capital gala contactos con touroperadores e axentes turísticos, en compañía de empresarios do sector do noso país, de ámbitos como o aloxamento ou a construcción de embarcacións para a práctica de deportes náuticos.

A oferta de Turismo Náutico de Galiza promociónase neste Salón desde o pasado día 2 ata o día 12, compartindo espazo cos más importantes destinos mundiais desta modalidade turística. Nesta ocasión, a Consellería de Innovación e Industria, a través de Turgalicia-Dirección Xeral de Turismo, instalou un stand de 75 metros cadrados que está atendido por persoal especializado da propia sociedade de promoción turística e no que se mostra a variedade da oferta galega para a práctica desta modalidade.

Dentro do recinto promocional galego, ademais da oferta náutica global do país, está presente como coexpositor o organismo Turismo de Vigo, e serve como plataforma de contactos profesionais para entidades promotoras do turismo galego, así como colectivos e empresas relacionados co mundo mariño e da náutica.

Escaparate mundial

O Salón Náutico de París constitúe un dos mellores escaparates mundiais para a oferta galega desta modalidade turística, oferta catalogada como a mellor do norte da península, dadas as amplas posibilidades que ofrecen as costas galegas para a práctica dos deportes relacionados co mar.

Ao longo destes días de feira, o turismo náutico galego estará presente en distintos foros e congresos paralelos ao Salón, ademais de terse programado un amplo calendario de entrevistas con distintos operadores turísticos especializados.

Turgalicia presenta un espazo de exposición orixinal e independente, dado o crecente interese do público francés polo destino Galiza no ámbito dos deportes náuticos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia