Skip to main content

Innovación e Industria colabora co concello de Pontevedra para a posta en marcha dun Plan de Dinamización Turística

A Consellería de Innovación e Industria e o Concello de Pontevedra colaborarán para pór en marcha un Plan de Dinamización de Produto Turístico para a cidade, segundo o compromiso adquirido por ámbalas dúas administracións coa sinatura dun protocolo de colaboración para este fin.

Segundo o protocolo, asinado polo conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, e polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a consellería elaborará o estudo diagnóstico previo sobre a situación de partida do turismo pontevedrés, que reflectirá os puntos fortes e débiles dos produtos e servizos turísticos existentes, do sector turístico e do territorio municipal con respecto ao medio ambiente e o patrimonio. O estudo incluirá así mesmo unha avaliación doutros programas ou iniciativas financiadas de apoio ao turismo xa existentes, así como unha primeira proposta de actuacións.

Este estudo servirá de base para elaborar o plano estratéxico que se presentará para acadar a aprobación do Plan de Dinamización de Produto Turístico para Pontevedra, co que o concello poderá mellorar os seus recursos e servizos a fin de xerar máis emprego e riqueza no municipio. A consellería quere así contribuír a promover e consolidar Pontevedra como destino turístico, poñendo en marcha estratexias coordenadas que permitan a participación de todos os axentes implicados.

Polígono industrial

Os titulares nacionalistas asinaron tamén dous protocolos co fin de impulsar un conxunto de actuacións no polígono industrial do Campiño. Por unha banda, o conselleiro Fernando Blanco comprometeu un investimento de 35.470 € para a execución da obra de bombeo de auga que completará o abastecemento ás empresas emprazadas no citado polígono. O Concello encargarase da elaboración do proxecto e da execución da obra, prevista para este mesmo ano 2005.

Asemade, a corporación municipal presidida por Fernández Lores cederá ao departamento autonómico o solo necesario para a construción e dotación dun edificio de servizos para as empresas emprazadas no polígono do Campiño. Nestas instalacións prevese, entre outras actividades, a creación dun viveiro de empresas que fomente a instalación de novos negocios e, polo tanto, a xeración de novos postos de emprego. Innovación e Industria achegará os recursos necesarios para esta actuación, que se materializará no vindeiro ano 2006.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia