Skip to main content

Fernando Blanco comprométese co desenvolvemento industrial e turístico das Pontes

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, adiantou que a consellería que dirixe e o concello das Pontes desenvolverán proximamente proxectos en común, entre os que citou o impulso do polígonos industriais. O titular de Innovación e Industria fixo estas manifestacións durante a visita institucional que realizou esta mañá ao concello coruñés, onde subliñou a necesidade de incrementar o tecido empresarial e industrial en todo o país, pero de xeito especial “tamén en vilas que, como a das Pontes, teñen unha forte tradición industrial”.

O conselleiro nacionalista quixo visitar o concello para coñecer de primeira man a súa realidade e os seus problemas co obxectivo de concretar iniciativas de futuro que permitan dar un pulo ao desenvolvemento industrial e turístico de As Pontes e, polo tanto, incrementar o seu benestar social. Neste sentido, Fernando Blanco referiuse ás negociacións que levou a cabo co Ministerio de Industria, Turismo y Comercio para garantir os ciclos combinados de As Pontes. Asemade, tamén se referiu ao avance acadado para a posta en marcha das redes de evacuación e transporte de infraestruturas básicas para o desenvolvemento do sector enerxético.

O conselleiro tamén amosou a súa disposición para levar adiante outros proxectos de cooperación co concello no sector turístico e tamén en materia de I+D+i, á que se referiu como “ferramenta esencial para incrementar a competitividade empresarial”. “Deste xeito –dixo– queremos incrementar o peso industrial das Pontes e o seu benestar social”. Blanco adiantou que estes compromisos materializaranse proximamente en convenios de colaboración co concello aos que se vincularán partidas orzamentarias concretas.

Despois de visitar o concello, o conselleiro de Innovación e Industria mantivo unha reunión co alcalde, Víctor Guerreiro, e realizou unha visita ao polígono de Airios e á mina e central térmica das Pontes.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia