Skip to main content

Innovación e Industria financia con máis de 46.170 euros o acondicionamento do contorno do futuro Balneario Pazo de Rilo en Mugardos

A Consellería de Innovación e Industria aportará 46.172,41 euros para o acondicionamento do contorno do futuro Hotel Balneario Pazo do Rilo, en virtude do convenio de colaboración asinado en Santiago polo conselleiro Fernando X. Blanco e o alcalde de Mugardos, Xosé Fernández Barcia.

Dende o Concello subliñouse o interese social que representa para a comarca a adecuación de instalacións tales como a renovación do mobiliario urbano, o cambio de sistema de iluminación ou a incorporación de elementos ornamentais que convertan a zona nun lugar vivo, un punto de encontro para os cidadáns e visitantes que se verá amparado pola apertura do novo hotel balneario.

Para o departamento dirixido polo nacionalista Fernando Blanco resulta de interese dotar ao contorno de novas instalacións para acadar unha mellor integración dentro das edificacións que forman parte do patrimonio do país. Neste caso, ademais, o acondicionamento do contorno do futuro hotel balneario permitirá harmonizar toda a zona e impulsar a actividade económica do concello e o seu atractivo como destino turístico. O orzamento global da actuación elévase a 68.558,53 euros, dos que a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas achegará 43.172,41 euros e a Dirección Xeral de Turismo aportará outros 3.000 euros.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia