Skip to main content

Fernando Blanco comprométese a diversificar a industria e o turismo, apoiar o comercio galego e implantar a Sociedade da Información cun forte investimento en I+D+i

Fernando Blanco anunciou no Parlamento as novas medidas que o seu departamento vai desenvolver nos próximos anos en todas as áreas competenciais da Consellería: Enerxía, Política de Recursos Minerais, Promoción Industrial, Comercio, I+D+i, Sociedade da Información e Turismo. O conselleiro de Innovación e Industria adiantou a elaboración de novos planos estratéxicos nos eidos da enerxía, da investigación e desenvolvemento e da sociedade da información, ademais de prometer a renovación dos marcos lexislativos en materia de recursos mineiros, comercio interior, consumo e turismo.

Plano enerxético galego

Fernando Blanco fixo fincapé na necesidade de que Galiza, como produtora e exportadora de enerxía, teña un maior peso na toma de decisións sobre o sector enerxético galego, cousa que, segundo dixo, ata agora non se produciu.

A consideración das enerxías renovables como claves do desenvolvemento enerxético e económico xeral de Galiza é a base dun Plano Sectorial de Fomento das Enerxías Renovables que o conselleiro de Innovación anunciou como parte do novo Plan Global Enerxético. Neste senso, Fernando Blanco asegurou que a intención da Consellería é aumentar a potencia instalada cos criterios de evitar e revisar as actuacións en áreas ambientalmente sensibles, garantir a repercusión do beneficio económico das infraestruturas nos afectados e mellorar a tecnoloxía dos aeroxeradores. O obxectivo final é que o 80% da enerxía producida no país se orixine nos recursos renovables.

Asemade, prevese abordar un plano para impulsar o aproveitamento da biomasa como fonte enerxética, recurso que ata agora constitúe un dos puntos máis febles en Galiza e no resto do Estado en materia de enerxías renovables.

Fernando Blanco afirmou que a Consellería que dirixe deixará de apostar polas centrais minihidráulicas na produción de electricidade, xa que non chegan a cumprir niveis positivos a nivel produtivo e, pola contra, si teñen grandes efectos negativos no eido ambiental.

Na súa política enerxética, Innovación e Industria acometerá planos para o fomento do aforro e o uso racional e eficiente da enerxía, para a mellora enerxética nas explotacións agrarias e para a mellora da calidade da subministración eléctrica, que na actualidade rexistra evidentes déficits en zonas rurais de Galiza.

Recursos minerais

A Consellería de Innovación e Industria impulsará a aprobación dunha Lei de ordenación de minería de Galiza, por mor do atraso e da ineficacia da Lei de Minas vixente, que data de 1973.


O coñecemento dos recursos minerais de Galiza é fundamental, segundo o titular de Innovación e Industria, polo que se está a promover a actualización de datos xeolóxicos, mapas e estudos científico-técnicos de augas minerais, en colaboración co Instituto Geológico y Minero de España.

Promoción industrial

Fernando Blanco asegurou que a Consellería de Innovación e Industria, na orde de amparar e expandir a actividade industrial galega, aposta polo investimento en formación técnica para as empresas, polo fomento da cooperación entre as PEMES, base do tecido produtivo do país.

Con este obxectivo Blanco anunciou medidas concretas de apoio aos sectores de produción, como é a creación da Axencia Galega para o Desenvolvemento Industrial, un órgano que actúe como observatorio empresarial de asesoramento e impulse a creación de plataformas autonómicas para o intercambio de coñecemento entre as PEMES de áreas próximas. Dentro da Axencia, a consellería vai crear unha unidade de Servizos á Internacionalización da PEME co obxecto de posicionar as nosas empresas no mercado internacional.

Mellora do comercio galego

A principal preocupación da Consellería en materia de Comercio é atender e dar apoio ao pequeno comercio, que segundo Fernando Blanco constitúe a realidade comercial do país. A globalización económica, a penetración das grandes multinacionais na economía galega e os novos hábitos de compra e consumo que aquelas implicaron colocan o pequeno comercio nunha grave desvantaxe competitiva e en graves apuros para afrontar os cambios económicos. Lonxe de cambiar ou reestruturar o pequeno comercio, a Consellería de Innovación pretende potencialo e dinamizalo, coa intención de que aumente en competitividade.

As liñas de actuación a seguir neste eido atacan os principais problemas do comercio galego: a atomización máis a falla de especialización, de formación e de innovación. A Dirección Xeral de Comercio, apuntou o conselleiro de Industria, deseñará un Plano de Mellora do Comercio Galego con cinco liñas básicas de traballo: ordenación do sector, información e formación, mellora do comercio retallista, colaboración e promoción e recuperación do comercio rural. A elaboración dunha nova Lei de Comercio Interior de Galiza será outra das iniciativas a desenvolver pola Consellería.

Consumo

O marco normativo en materia de consumo, establecido na Lei de consumidores galegos de 1984, está atrasada a xuízo do titular de Innovación e Industria, polo que se promoverá a elaboración dunha nova lei mais a modificación do actual Consello de consumidores e usuarios. A atención aos colectivos vulnerábeis como inmigrantes e minusválidos é un dos eixes da política de consumo da Consellería, polo que se promoverán convenios e se editarán manuais para a integración destes colectivos no mercado galego. Blanco afirmou que dende a consellería se potenciará o asociacionismo do sector, a transparencia, os sistemas de mediación e arbitraxe e a eficacia das oficinas municipais de información ao consumidor, que hoxe en día presentan deficiencias no seu funcionamento.

I+D+i

O esforzo en I+D+i que realizará Galiza incrementarase, segundo Fernando Blanco. É este un dos asuntos estratéxicos polos que aposta a Consellería de Innovación e Industria na mellora da competitividade da economía galega. Blanco anunciou a creación dun Plano Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, de execución cuadrienal, que dotará de coordinación e coherencia todas as actuacións neste campo, actuacións que contemplan a execución de medidas estratéxicas, organizativas, financeiras e en recursos humanos. Neste último aspecto, a intención do departamento de Innovación é aumentar o persoal investigador e profesionalizar a actividade de I+D+i. O esforzo en investigación e desenvolvemento situarase no 2% do PIB, segundo as intencións da Consellería de Innovación e Industria.

Sociedade da Información

Co obxectivo de colocar a Galiza nos niveis de desenvolvemento da Sociedade da Información propios doutros países, a Consellería de Innovación e Industria elaborará un “Plano Estratéxico para a Sociedade da Información de Galiza” (PESIG). Segundo explicou Fernando Blanco, este plano non vai ser unha suma de proxectos, senón que vai estar concibido dun xeito “holístico”, pondo especial atención en todas as liñas de actuación horizontais.

O principal instrumento para a elaboración, aprobación, seguimento e control deste Plano, será a Comisión Interdepartamental da Sociedade da Información que tratará de aproveitar sinerxias tanto a nivel de coñecemento como de infraestruturas e servizos. O despregue da banda ampla en todo o país serán outras das prioridades do gabinete, así como o apoio ao software libre e o impulso dunha plataforma de lingua e cultura galegas para acadar o dominio galego.

Turismo

O turismo cultural, en cascos históricos, urbano, de litoral, de natureza e de incentivos, van ser as modalidades que promocionará a nova Consellaría de Innovación e Industria que elaborará ademais un novo marco legal.

O reequilibrio do espazo turístico e a desestacionalización, van ser outros dos obxectivos da Consellería que prestará ademais, segundo explicou o conselleiro, unha especial atención á calidade da oferta e á formación. Finalmente Fernando Blanco apostou por atraer ao noso país visitantes de novos mercados turísticos e potenciar o Camiño cun Plano de Calidade que mellore os servizos,a oferta complementaria e o entorno.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia