Skip to main content

Innovación e Industria e Paradores acordan a apertura durante todo o ano dos paradores de Monforte e Santo Estevo de Rivas de Sil

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, e o presidente de Paradores, Antoni Costa, acordaron nunha reunión que mantiveron en San Caetano prolongar a apertura dos paradores de Monforte e Santo Estevo de Rivas de Sil durante todo o ano, co obxectivo de mellorar a oferta turística de Galiza.

Fernando Blanco subliñou que con este acordo cumpríase o compromiso da súa consellería para que ámbolos dous establecementos permanezan abertos todo o ano e agradeceu a sensibilidade da dirección de Paradores ao respecto dunha cuestión que, segundo dixo, “era xa un clamor do sector e do propio Parlamento galego”. O conselleiro nacionalista trasladou a Antoni Costa o compromiso do goberno galego para mellorar e ampliar as actividades que se desenvolvan en ámbolos dous paradores e facer todos os esforzos precisos para mellorar a oferta turística e aumentar os niveis de ocupación. “Queremos dinamizar esa Galiza interior, a Ribeira Sacra como destino turístico e, polo tanto, imos poñer todo da nosa parte para acadar eses obxectivos”, sinalou Blanco.

Deste xeito, ámbolos dous establecementos, que segundo explicou Antoni Costa permanecían en oferta de temporada por decisión do Goberno estatal anterior, estarán abertos durante todo o ano, no caso de Monforte xa neste mesmo exercicio 2005, e no caso de Santo Estevo o ano que vén, unha vez queden rematadas as obras necesarias que “serán realizadas durante o inverno”, segundo avanzou o presidente de Paradores. Ámbalas dúas institucións manifestaron o seu compromiso de asinar un convenio de colaboración para levar a cabo o acordo de xeito eficiente.

Asemade, o titular de Innovación e Industria explicou que a Xunta de Galicia está xa en conversacións co Concello de Muxía para axilizar os trámites precisos para a cesión a Paradores dos terreos para a construción do parador da Costa da Morte, un establecemento que Antoni Costa cualificou de “prioritario” para o Goberno estatal e que, segundo dixo, será unha realidade en canto se obteña a cesión dos terreos necesarios para a súa construción e posterior explotación. “Temos xa once paradores en Galiza e co de Muxía completaremos unha oferta atractiva e de calidade, na nosa aposta por ese turismo de calidade que queremos para Galiza”, explicou o conselleiro.

Plan de enerxías renovables

A preguntas dos xornalistas ao respecto do plan de enerxías renovables, Fernando Blanco avanzou que o presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, garantizoulle nun encontro mantido onte que Galiza non vai ter unha limitación na potencia asignada. “Trasladeille ao presidente do Goberno a nosa preocupación polo feito de que no plan de enerxías renovables do Estado se nos concedera menos potencia da que realmente xa temos concedida”, explicou o conselleiro, quen engadiu que Rodríguez Zapatero garantizoulle que Galiza non ía ter limitación neste eido e “polo tanto –dixo– podemos achegarnos a eses 6.500 megas, a potencia que era en principio a demandada polo sector e pola propia consellería”.

O titular de Innovación e Industria adiantou que en xaneiro ou febreiro presentarase o Plan Galego de Enerxías Renovables “sen ese límite” o que “permitirá crecer ao sector e tamén ao proceso de industrialización articulado ao seu redor”. “Porque o noso obxectivo –subliñou– non é só producir enerxía, senón tamén ter certo peso no sector e isto significa que podemos, a través da I+D+I, empezar a implementar medidas que permitan que nun momento dado Galiza sexa tamén exportadora de tecnoloxía”.

Fernando Blanco asegurou que deste xeito Galiza vaise configurar como unha potencia “e espero –dixo– non só na xeración de enerxía, senón tamén en todo o proceso industrial que se vai crear ao seu redor”. “Non estou falando única e exclusivamente da fabricación de aspas, senón tamén de motores e tecnoloxías que nos permitan realmente empezar a ter peso no conxunto do mercado e da industria eólica”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia