Skip to main content

O conselleiro de Innovación e Industria anuncia a creación dun marco regulador para balnearios, talasoterapia e spas

O Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, anunciou a elaboración dun marco normativo que regule os balnearios, centros de talasoterapia e spas. Fernando Blanco asumiu este compromiso durante a celebración de Termatalia 2005, onde tamén adiantou o apoio da Consellería que dirixe ao sector do turismo de saúde con inversións en I+D+I.

O Conselleiro tamén felicitou aos organizadores polos éxitos de Termatalia e polo incremento importante de expositores e países que participan nesta nova edicións. “Este crecemento –dixo- indica que esta feira se está asentando e medrando, o que significa un paso importante para impulsar o sector do turismo no seu conxunto”. O Conselleiro de Innovación e Industria subliñou tamén o potencial do que dispón o noso país pola calidade da auga e a súa temperatura.

Ademais o titular de Innovación e Industria referiuse aos balnearios como un elemento de dinamización do turismo no interior de Galiza, “que cumpren –engadiu– dúas funcións: atraer turistas a estas zonas e actuar como un xerador económico de alto impacto”. Fernando Blanco referiuse ao turismo termal como un sector en crecemento polo que “queremos e debemos apostar” e que ademais permite desestacionalizar o turismo garantindo afluencia todo o ano e creando emprego.

O conselleiro explicou ademais que o marco regulador que vai elaborar Innovación e Industria contará coas achegas do sector e permitirá explicarlle ao usuario a oferta dos diferentes centros (balnearios, talasoterapia e spas). Ademais, engadiu, a Consellería de Innovación e Industria traballará co sector para aportarlle investigación, desenvolvemento e innovación co ánimo de que Galiza poida ser tamén exportadora de tecnoloxía.

“O sector é dinámico, ten iniciativas e nós imos aportar ese escenario favorábel que nos corresponde e do que todos nos imos beneficiar. E bo que as feiras se asenten e medran porque é unha garantía de que se está traballando na liña correcta e desde logo a Consellería estará detrás para apoialos”, indicou.

Termatalia, Feira Internacional do Turismo Termal, Termalismo e Talasoterapia, é o único salón do sector existente na Península Ibérica e nesta edición estrea o selo de internacionalidade. A mostra preséntase como punto de encontro profesional para todas as empresas, públicas e privadas, e expertos e investigadores vinculados dun xeito ou doutro co mundo do termalismo. Co obxectivo de fomentar o uso racional e o aproveitamento dos recursos hidráulicos, Termatalia acollerá este ano diversas accións encamiñadas a crear unha maior conciencia ao respecto entre as futuras xeracións. A feira estará dividida en diversas áreas temáticas e acollerá distintas actividades profesionais e un importante abano de congresos, encontros e xornadas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia