Skip to main content

España Verde presenta en Galiza a súa oferta turística ao mercado de Gran Bretaña

Quince representantes dos principais operadores turísticos británicos participarán na Coruña, nas xornadas inversas de comercialización turística, organizadas pola marca turística España Verde, da que forman parte Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco.


Estas xornadas teñen por obxecto presentarlles os operadores turísticos máis representantivos de Gran Bretaña a oferta turística conxunta da marca España Verde, á vez que estes poden entrar en contacto coas empresas turísticas das catro comunidades.


Deste xeito, o sector turístico das catro comunidades autónomas poderá comercializar os seus produtos entre os operadores italianos.

XUNTANZA NA CORUÑA

A parte máis salientable desta visita constitúea a xuntanza de traballo que manterán no hotel Hesperia Finisterre, a partir das 11:30 horas, os quince operadores británicos, cos empresarios do Turismo das catro comunidades autónomas.

Nesta xuntanza está previsto que participen outros 15 representantes de empresas que comercializan produtos turísticos da España Verde, entre as que cinco corresponden a Galicia.

Esta visita servirá tamén para que os operadores británicos poidan achegarse ata o destino turístico Galicia, e máis concretamente a cidade da Coruña e o seu contorno.

Así, o mesmo venres poderán visitar a cidade herculina e as súas instalacións turísticas, mentes que o sábado 17 visitarán Santiago de Compostela.

Entre as actividades que se están a desenvolver ó longo deste ano por parte da marca turística España Verde, salientan tamén a participación en 17 feiras internacionais dedicadas á promoción e comercialización dos produtos turísticos e oito presentacións da oferta turística conxunta das catro comunidades ós operadores internacionais e nacionais . Tamén se organizaron catro viaxes de familiarización para axentes turísticos e xornalistas de distintos países de Europa e América.

En canto ós mercados, segundo os plans de España Verde, consideraranse mercados prioritarios para 2005 Alemaña, Reino Unido, Francia, Portugal, Países Baixos, Italia e Suíza. Ademais, tivéronse en conta os mercados do norte de Europa, Noruega, Suecia e Dinamarca.

Polo que respecta ó material de promoción, ó longo do ano 2005 reeditáronse os folletos Destinos urbanos de la España Verde, Naturaleza de la España Verde y Del Guggenheim a Compostela (Turismo Cultural).

Por outra parte, España Verde reeditou o folleto Caminos del norte, que fai referencia ó Camiño de Santiago, así como o mapa turístico da marca e a Guía de aloxamentos rurais.

A marca turística España Verde foi creada no ano 1989 por Turespaña e as catro comunidades autónomas do litoral cantábrico para a súa promoción conxunta, sobre todo no estranxeiro. Deste xeito, preséntase unha oferta variada e distinta á do resto de España, máis centrada no que se coñece como Turismo de Sol e praia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia