Skip to main content

A Oficina Municipal de Información Turística de Tui tivo en agosto 15.258 consultas, 4 mil máis que no mesmo mes de 2004

A Oficina Municipal de Información Turística de Tui tivo un total de 15.258 consultas durante o mes de agosto. Esta cifra supera en 4.158 persoas a rexistrada no mesmo mes do ano 2004. Estes datos tan positivos débense sobre todo o crecemento do turismo nacional, que subiu en 4.296 persoas con respecto a agosto de 2004, e por contra o turismo estranxeiro baixou en 138 persoas.

Das case 15.300 persoas que pasaron pola Oficina de Turismo 13.579 eran españolas, o que representa o 89%, e as 1.679 restantes, é dicir o 11,86%, proviñan doutros países.

Os madrileños, ao igual que en xullo, cun 22,02%, foron, entre os turistas nacionais, os que máis demandaron información neste punto, seguidos dos provintes de Cataluña cun 17,22%, os da Comunidade Valenciana cun 12,72%, Andalucia cun 9% e do País Vasco cun 7,58%. Os galegos que se achegaron ata a cidade en agosto e demandan información na Oficina de Turismo na Praza da Inmaculada representaron o 4,2% do turismo nacional.

No que se refire aos turistas estranxeiros os portugueses seguen a estar á cabeza representando o 44,3% dos 1.679 turistas doutros países que en agosto pasaron pola Oficina Municipal de Turismo. Por nacionalidades destacan logo os franceses cun 14,41%, británicos cun 13,5%, e alemáns co 6% das consultas. Tamén se rexistraron consultas de cidadás doutros países coma México, Holanda, Italia, Polonia, EEUU, Austria, Eslovenia, Colombia, ... e así ata un total de trinta e cinco nacionalidades distintas.

O turista que se achegou a Tui en agosto volveu ser maioritariamente de paso, segundo confirman o 95,15% das persoas que demandaron información na oficina de turismo. Só un 0,2%, é dicir 33 persoas, permaneceron na cidade máis de cinco días. Outras 79 estiveron en Tui entre 3 e 4 noites, e 193 pasaron na cidade 1 ou 2 noites.

A oficina permanece aberta de 9 da mañá a 9 da noite tódolos días de luns a domingo ata o 30 de setembro.
Concello de Tui