Skip to main content

Tódalas publicacións europeas de sendeiros recollerán a partir de agora o sendeiro pola Costa Norte de Oleiros

O “Sendeiro pola costa norte de Oleiros” considerado dentro da catalogación de “pequeno percorrido galego”, recibiu a catalogación de Homologación de Sendeiros, emitido pola Federación Galega de Montañismo, que lle outorgou un código identificativo: PR-G 87.
Este logro débese á iniciativa dos alumnos e profesores do Colexio Luís Seoane de Canide, e que inmediatamente foi asumida polo
concello para proceder á súa sinalización. Por elo, colocáronse pedras cos símbolos de franxas brancas e amarelas, limpáronse os camiños e agora, vanse colocar as frechas de madeira coa denominación oficial do sendeiro.
Todo isto quere dicir que, a partir de agora, tódolos folletos, comunicacións e promocións da Unión Europea sobre as pequenas rotas de interese natural e ecolóxico, contarán nas súas ofertas co Sendeiro pola Costa Norte de Oleiros, dando así unha maior proxección internacional a este espazo, a esta rota que percorre
circularmente as parroquias de Serantes, Dexo e Maianca pola costa. Do mesmo xeito, esta homologación fai que o sendeiro pasa a integrarse nos rexistros autonómicos e estatal, e publicarase nas guías editadas a nivel estatal e europeo. O concello, en consecuencia, comprométese a mantelo periodicamente en bo estado de utilización.
Concello de Oleiros