Skip to main content

O turismo de Galicia promociónase nas rúas e prazas de Milán ata o 14 de xullo

Os distintos aspectos turísticos da Comunidade galega están presentes nas rúas máis céntricas de Milán ao obxecto de promocionar entre o público final desta cidade italiana os principais recursos turísticos galegos. Ata o día 14, unha carpa de 200 metros cadrados situada na praza Cordusio, unha das máis céntricas de Milán, todos os viandantes poderán achegarse á realidade turística galega e coñecer de primeira man os recursos e os servicios turísticos que ofrece Galicia ao visitante.

Na carpa da praza Cordusio e rúas adxacentes, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través de Turgalicia, ofrecerá información turística xeral da Comunidade galega, destacando ámbitos como a natureza, turismo náutico, turismo de saúde, turismo cultural e turismo de cidade.

PEQUENOS ESPECTÁCULOS

Para aproximarse e conectar co público milanés, Turgalicia organizará orixinais montaxes e pequenos espectáculos como mostra dos valores turísticos de Galicia. Os viandantes que o desexen poderán recibir masaxes nunha cabina instalada para promocionar o turismo termal. Poderán tamén mercar artesanía galega, degustar productos gastronómicos galegos, achegarse á cultura e aos costumes galegos a través da música en vivo e as demostracións de distintos oficios tradicionais galegos previstos na carpa da praza Cordusio.

Ademais, todos aqueles que o desexen poderán obter completa información de como organizar unhas perfectas vacacións en Galicia, a través do persoal especializado que Turgalicia desprazou a Milán.

Un dos momentos máis importantes desta promoción chegará o vindeiro luns, cando ás 19 horas a directora xeral de Turismo, María Antón, xunto ao director da Oficina de Turismo de España en Milán, Carlos Hernández, presenten o destino Galicia aos operadores turísticos e aos medios de comunicación desta cidade.

Esta acción de promción está enmarcada no programa España en Milán, pola que distintos destinos turísticos españois se promocionan nesta cidade ao longo do verán, grazas ao acordo entre a Oficina de Turismo de España en Milán e o Concello desta cidade.

En canto á promoción do Turismo galego nesta cidade, o pasado ano Turgalicia xa realizou no mes de setembro unha presentación turística para operadores turísticos baixo o lema Scopri la Galizia, dirixida as canles de comunicación turística. Agora, con esta nova acción, é o público final quen terá a oportunidade de coñecer as posibilidades do turismo de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia