Skip to main content

MeteoGalicia inicia un novo servizo de predicción metereolóxica para praias

Os usuarios da páxina web www.meteogalicia.es dispoñen dun novo servizo de predicción meteorolóxica específica para 25 praias de Galicia. Trátase dunha iniciativa ofrecida por MeteoGalicia, servizo dependente da Consellería de Medio Ambiente. Os datos que se poden coñecer de cada areal son a temperatura máxima, o estado do ceo, a temperatura da auga, a sensación térmica, a ondaxe e o vento. Con este novo sistema, MeteoGalicia complementa as prediccións específicas para a época estival, que xa vén facendo dende o ano 2002 coa información sobre índices ultravioleta.

As praias que se inclúen son: As Catedrais (Ribadeo), A Rapadoira (Foz), O Torno (Cervo), Area (Viveiro), Morouzos (Ortigueira), A Magdalena (Cedeira), Valdoviño (Valdoviño), Doniños (Ferrol), Praia Grande (Miño), Riazor (A Coruña), Barrañán (Arteixo), Razo (Carballo), Laxe (Laxe), Area Maior (Muxía), Langosteira (Fisterra), Caldebarcos (Carnota), Lago Louro (Muros), O Vilar (Ribeira), A Lanzada (O Grove), Silgar (Sanxenxo), Portomaior (Bueu), Barra (Cangas), Samil (Vigo), Praia América (Nigrán), e por último, Camposancos (A Guarda).

OUTROS SERVIZOS

A nova predicción meteorolóxica para praias está activa ata finais do verán. Trátase dun servizo que soamente se ofrece no período estival, tal e como se vén facendo ata agora coa predicción de índices ultravioleta que tamén está dispoñible durante estes meses. Ambas iniciativas están en marcha ata finais de setembro ou principios e outubro.

A predición do tempo nas praias complementa ademais o sistema de predicción marítima que ofrece MeteoGalicia, que dende febreiro deste ano é pioneiro en toda España polo seu servizo de información marítima e oceanográfica. MeteoGalicia ofrece unhas predicións para o mar con información moi concreta e especializada, con modelos de ondas costeiras e de correntes, que permiten coñecer o estado do mar cunha ampla marxe temporal. A información dispoñible está dirixida, por unha banda, aos eidos económicos e sociais vinculados ao medio mariño, e por outra, á cidadanía en xeral.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia