Skip to main content

Ecoloxistas denuncian perante a Unión Europea o impacto ambiental do Plan Galicia

Diversas organizacións ecoloxistas enviaron cartas ao presidente do Parlamento Europeo, ao presidente da Comisión Europea e aos comisarios de Política Rexional e de Medio Ambiente para lles transmitir a súa seria preocupación polo impacto ambiental do chamado Plan Galicia, promovido polo Goberno español, e do Plan de Dinamización Económica, da Xunta de Galicia. Os ambientalistas chaman a atención en particular sobre os danos ambientais en Lugares de Interese Comunitario (LICs) propostos para formaren parte da Rede Natura 2000 ao abeiro da Directiva Hábitats.
As organizacións de defensa ambiental sinalan que o Plan Galicia, o único presentado, non foi obxecto de diálogo social nin dunha avaliación ambiental estratéxica e carece dun enfoque de desenvolvemento sostíbel. Provocaría sen dúbida un elevado impacto ambiental negativo, pois fundaméntase na construción de infraestruturas de transporte.
Entre os aspectos negativos do Plan Galicia sinálase a concentración de case todos os investimentos na construción de infraestruturas de transporte cun grande impacto negativo no medio natural, en particular na costa, e que fomentarían un modelo de transporte insostíbel. En particular, faise referencia ao porto exterior da Coruña, do que as autoridades españolas están estudiando a súa viabilidade técnica e económica e as súas implicacións urbanísticas sen atenderen a aspectos ambientais. Ademais, existen outros proxectos como o AVE Ferrol-Bilbao e diversas vías de alta capacidade (autoestradas e autovías) que afectarían a zonas de alto valor ecolóxico e paisaxístico (Costa da Morte, Rías Altas, O Morrazo...), tanto da costa como do interior.
Tamén se denuncia nos escritos o fomento de portos naúticos ou deportivos ao longo de todo o litoral galego que conlevarían urbanizacións, a construción de grandes piscifactorías e polígonos industriais en zonas de alto valor ecolóxico e a promoción de falsos proxectos de rexeneración ambiental: paseos marítimos, establecementos hosteleiros en primeira liña de praia, grandes estacionamentos en sistemas dunares ou zonas húmidas, estradas, beirarrúas, etc., primeiro paso para a súa urbanización.
Os ecoloxistas lamentan a absoluta indefensión en que se atopa o medio ambiente galego e solicitan que as institucións europeas impidan a realización de proxectos que supoñan a deterioración de calquera LIC en Galicia e que non se permita a diminución da superficie dos LICs para facilitar a realización de grandes infraestruturas, como ocorreu no caso do porto exterior de Ferrol. Asemade, demandan a aprobación canto antes da Rede Natura 2000 en Galicia.
Os ecoloxistas solicitan a colaboración das institucións europeas para unha verdadeira rexeneración e restauración ambiental da costa afectada e a declaración real das costas galegas como Área Marítima Especialmente Sensíbel (AMES).
Enviaron os escritos as seguintes organizacións: Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Comité de Defensa das Rías Altas (CDRA), Federación Ecoloxista Galega (FEG), Eco Desarrollo Gaia, e outras entidades como ADENA/WWF e Greenpeace enviaron escritos de apoio denunciando grande catastrofe ecolóxica que se aveciña.
Adega