Skip to main content

Preto do 100% das praias galegas son aptas para o baño

Preto do 100% das zonas de baño marítimas e continentais habilitadas como tales en Galicia presentan boas condicións hixiénico-sanitarias para o baño, segundo os datos obtidos no terceiro control desta tempada realizado no mes de xuño polos técnicos do Programa de Control Sanitario das Zonas de Baño da Consellería de Sanidade. Das 467 praias analizadas, tan só dúas delas foron declaradas non aptas: Basteira-Concha (centro), no municipio de Cariño; e Banda do Río, no concello de Bueu.

Neste terceiro control da tempada 2005, controláronse 409 zonas de baño marítimas e analizáronse 439 puntos de mostraxe en 60 concellos galegos. Con respecto ás continentais, controláronse 58 zonas de baño e analizáronse 62 puntos de mostraxe en 43 municipios galegos.

TOMA DE MOSTRAS

Estes datos son o resultado das análise microbiolóxicas das mostras que recollen cada 15 días os farmacéuticos, titulares ou inspectores da saúde pública das delegacións provinciais. Ademais, realízanse 10 tomas de mostra por cada punto durante a tempada de baño anual nas zonas onde a media diaria de bañistas é máis elevada.

Ademais, decláranse zonas de baño habilitadas aquelas solicitadas polos concellos, segundo o Decreto 240/2000 do 13 de setembro, polo que se regula a declaración de zonas de baño habilitadas na Comunidade Autónoma de Galicia, unha vez comprobado que cumpriron cos requisitos establecidos.

METODOLOXÍA DO PROGRAMA

O Programa de Control Sanitario das Zonas de Baños de Galicia ten como obxectivo o control sanitario das augas dos espazos de baño para, deste xeito, facilitar información aos concellos acerca das áreas de baño ás que acuden os cidadáns. Ademais, ao longo da temporada de baño, con periodicidade quincenal, informase tamén a todos os organismos implicados na xestión integral da calidade das augas, entre elas Augas de Galicia, a Confederación Hidrográfica do Norte e as consellerías de Medio Ambiente e de Cultura.

O programa desenvólvese entre os meses de maio e setembro, ambos os dous incluídos, aínda que as mostraxes comezan ao redor do 15 de maio. En cada punto de mostraxe realízase, como mínimo, un control de auga cada 15 días, o que supón 10 controis ao longo da temporada.
Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)