Skip to main content

O Camiño de Santiago axudou a construír unha cultura da tolerancia e progreso social que está na esencia do espírito común europeo, segundo Manuel Fraga

No XX aniversario da concesión do Premio Europa a Santiago de Compostela na propia cidade conmemorada, o presidente da Xunta, Manuel Fraga, destacou a importancia deste galardón para axudar ao proceso de recoñecemento do Camiño de Santiago como unha das vías para construir unha cultura da tolerancia e o progreso social, esencia do espírito común europeo.

Neste contexto, o xefe do Executivo galego resaltou a importancia actual do Camiño de Santiago, punto de encontro de miles de europeos novamente, coma “un símbolo excepcional de paz e solidariedade, de humanismo, de cultura e espírito”.

Con este acto, tamén se celebrou o cincuenta aniversario da creación deste premio, “unha xusta e acertada iniciativa –segundo Manuel Fraga-, para recoñecer o acordo unánime do papel esencial que as urbes xogaron ao longo do tempo no solidario camiño europeo cara o definitivo encontro das súas xentes e culturas”.

Así mesmo, o presidente da Xunta aproveitou a celebración destes actos para resaltar os méritos das máis de sesenta cidades que recibiron esta distinción e agradeceulle á Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa o feito de ter realizado en Santiago esta conmemoración.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NA INAUGURACIÓN DA CELEBRACIÓN DO CINCUENTA ANIVERSARIO DA ASEMBLEA DE CIDADES PREMIO EUROPA E XX ANIVERSARIO DA CONCESIÓN DO PREMIO EUROPA A SANTIAGO DE COMPOSTELA

- “A cultura occidental, froito da contribución en grande medida de tódolos pobos de Europa, fundamentouse, sobre todo, no encontro, na democracia e, en grande medida, na solidariedade”.

- “A cultura urbana, tan vencellada no seu sentido máis positivo á propia idea de Europa, axudou ao longo dos séculos a construir, paso a paso, unha cultura da tolerancia e o progreso social que está na esencia do mellor do espírito común europeo”.

- “Considero que poucas iniciativas resultaron máis xustas e acertadas que á idea de crear este Premio de Europa, un recoñecemento ao protagonismo das cidades en dito proceso”.

- “É de xustiza que ao cumprirse os cincuenta anos da creación do Premio de Europa ás nosas cidades, realicemos un alto no camiño, e recoñezamos, con estes actos, ás máis de sesenta urbes que recibiron esta distinción do Consello de Europa”.

- “O feito de que Santiago de Compostela fose a cidade escollida para esta conmemoración é algo que agradecemos en todo o seu valor. Cando en 1985 esta cidade foi distinguida co Premio de Europa, sabíamos que iamos axudar ao proceso de recoñecemento do Camiño de Santiago coma unha das vías que, ao longo da historia, máis aportaron a estes obxectivos”.

- “Actualmente o Camiño de Santiago volve a ser o punto de encontro de miles e miles de europeos de tódalas procedencias e culturas, é coma un símbolo excepcional de paz e solidariedade, de humanismo, de cultura e espírito”,

- “Moitísimo gracias á Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa por realizar en Santiago, e en Galicia, este acto conmemorativo”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia