Skip to main content

As 104 bandeiras azuis que este ano ondearán en praia e portos de Galicia sitúan á comunidade nun lugar privilexiado, salientou Manuel Fraga

O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, salientou que as 104 bandeiras azuis que este ano ondearán nas praias e portos galegos certifican a condición da Comunidade galega “de lugar privilexiado polo que ao contorno de ribeira se refire”. Ademais, estas distincións –13 máis que as concedidas en 2004- constatan que “accidentes de triste recordo son superados claramente”, subliñou o mandatario galego aludindo ao Prestige. “Se hai un ano –engadiu- falabamos de que Galicia viña de conseguir 24 bandeiras máis que no ano 2003, temos que sinalar que a nova concesión a 11 areais reitera que estamos no bo camiño para seguir avanzando pese a atrancos como o que se nos deu un mal día de novembro”.

O titular do Goberno galego presidiu o acto de entrega das Bandeiras Azuis 2005 que se celebrou esta mañá en San Caetano. Nesta edición, a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) acordou conceder esta distinción a 92 areais galegos, 6 portos deportivos e a 6 centros cualificados como Bandeira Azul.

Durante o acto, o xefe do Executivo autonómico salientou que, ao seu xuízo, á hora de concesión desta distinción entran en xogo dous factores: o feito de que Galicia conta con 1.309 quilómetros de costa ao longo dos que se sitúan un bo número de areeiros e por outro lado, o labor desenvolvido polas persoas a prol dun desenvolvemento sostible que respecte e mellore o legado natural.

13 NOVAS BANDEIRAS

“Neste ano 2005, podemos dicir que o labor desenvolvido nos últimos meses deu os seus froitos”, subliñou Manuel Fraga ao tempo que asegurou que esta dedicación e perserveranza no esforzo veuse plasmado esta vez coa concesión de 11 bandeiras máis ás praias e dúas aos portos deportivos respecto do ano pasado.

Deste xeito, o traballo dos concellos, xestores de portos e centros de promoción ambiental é recoñecido por un galardón de prestixio internacional que dá sinal de calidade contrastada dos areais ou dos portos, ao tempo que constitúe un elemento de atracción turística e seguridade na elección á hora de gozar da praia ou de escoller un punto de amarre.

MAIOR CONCIENCIA AMBIENTAL

Referíndose ao suceso do Prestige, Manuel Fraga subliñou que actos como o de hoxe dan conta de que a sociedade galega “amosou que unha catástrofe pode servir de impulso para traballar con máis forza a prol da súa terra, elevando a conciencia ambiental para conservar o noso patrimonio máis prezado, como é o natural”.

O mandatario galego tivo palabras para os responsables que recolleron esta distinción. “A súa preocupación individual –salientou- por mellorar ano a ano os servizos nas praias e portos, acada xa interese común entre todos, entendendo que a unión é sempre positiva”. Neste senso, Manuel Fraga salientou que as xornadas celebradas en Burela e Ribeira “serviron para o intercambio de experiencias sobre os traballos e avances en materia de coidado de praias e portos”.

Manuel Fraga subliñou que o Goberno galego esforzouse por mellorar os servizos que se prestan a favor dos usuarios dos espazos galardoados. Neste apartado, destacou a recollida selectiva en praias, que permite que 72 areais dispoñan deste sistema de separación de refugallos, de xeito que á limpeza tradicional das praias únese un avance substancial no tratamento dos residuos xerados nestes espazos. “É o noso xeito de ter cada día un nivel máis alto que permita a Galicia consolidar unha posición importante dentro do recoñecemento aos seus areais e portos. E a bo seguro que obteremos incluso mellores resultados ano a ano”, afirmou.

O titular do Goberno galego comprometeuse a seguir traballando para avanzar na seguridade, limpeza e na calidade de augas e areais galegos. “Será o mellor aval para lograr que as 104 bandeiras que este ano ondearán no noso territorio se incrementen en anos vindeiros”, aseverou.

AREAIS E PORTOS DEPORTIVOS

Neste ano 2005, ondeará a bandeira azul nas praias da provincia de A Coruña de Carragueiros, Barraña e A Retorta (Boiro); Razo (Carballo), Riazor, Orzán, San Amaro, Ozal e Lapas (A Coruña); A Magdalena (Cedeira), Estorde (Cee); Ézaro (Dumbría); Doniños e Sanxurxo (Ferrol); Langosteira (Fisterra); Caión (Laracha), Area Maior (Malpica); Praia Grande, Perbes e Ribeira (Miño); Bastiagueiro e Mera (Oleiros); Morouzos, A Concha e San Antonio (Ortigueira); Illa de Laxe e Lombiñá-Cabío (Pobra do Caramiñal); Cabeiro, Aguieira e A Ornanda (Porto do Son); Tanxil (Rianxo); Vilar, Coroso, Azor, Touro, Corna e A Ameixida (Ribeira); Frouxeira do Río- Meirás (Valdoviño).

En Lugo, contarán con esta distinción os areais de Benquerencia-Valea, San Bartolo-Altar, As Pasadas, Lóngara, Arealonga e Coto (Barreiros); A Marosa e O Portelo (Burela); O Torno e Cubelas (Cervo); Peizas, Areaoura, Llás, As Polas-Nois (Foz); e Esteiro (Xove).

Finalmente, en Pontevedra, serán as praias de O Muíño (A Guarda); Ladeira e Santa Marta (Baiona); Portomaior e Area de Bon (Bueu); Area Brava, Limens, Nerga, Melide e Areamilla (Cangas do Morrazo); Aguete, Portocelo, Mogor e Loira (Marín); Praia do Con (Moaña); Patos, Praia América e Panxón (Nigrán); A Lanzada, Area de Cruz, Rareiros-Paxareiro (O Grove); Montalvo, Canelas, Caneliñas, Paxariñas, Silgar, Major, Foxos, Areas Gordas, Pragueira, Nosa Sra. da Lanzada e Baltar (Sanxenxo); e A Punta, O Vao, Canido, O Tombo do Gato, Argazada e Rodas (Cíes) (Vigo).

Os portos deportivos con Bandeira Azul en 2005 son os coruñeses CN Portosín- Porto do Son; RCN A Coruña e PD Marina Sada; o lucense CN Ribadeo; e os pontevedreses Club de Yates Monte Real de Baiona e Porto Deportivo de Vilagarcía.

A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor acordou conceder esta distinción aos seguintes centros: o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, en Oleiros; as aulas Activa do Mar Santiago Gallego Picard, en Rianxo; e de Natureza, en Valdoviño; o Centro de Educación Medioambiental Gaia, en Burela; o Barco Museo Bonitero Reina del Carmen, en Burela e o Ecomuseo Terras de Azul Cobalto, en Cervo.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NO ACTO DE ENTREGA DAS BANDEIRAS AZUIS 2005 A PRAIAS E PORTOS DEPORTIVOS GALEGOS

- “Para obter este importante galardón entran en xogo dous factores. Un, natural, xa que Galicia ten 1.309 quilómetros de costa e posúe un bo número de areeiros que fan que o traballo da Nai Natureza deba ser agradecido de xeito especial”.

- “Pero o outro factor é seguramente máis importante e máis plausible. A man das persoas adquire aquí unha expresión de traballo continuo a prol de conseguir un desenvolvemento sostible que respecte e mellore o legado natural”.

- “Neste ano 2005 podemos dicir que o labor desenvolvido nos últimos meses deu os seus froitos. (...) Esta dedicación e perseveranza no esforzo veuse plasmado esta vez coa concesión de 11 bandeiras máis ás praias e dúas aos portos deportivos respecto do ano pasado”.

- “Hoxe facemos entrega de 92 bandeiras azuis a outros tantos areais distribuídos por 33 concellos do noso litoral. A esta cifra hai que engadir os seis portos deportivos que veñen de ser recoñecidos con este galardón pola calidade dos seus servizos”.

- “Serán tamén seis os centros que lucirán a insignia que os distingue polo seu labor de contribución ao espallamento da conciencia ambiental e da mellora do respecto e das boas prácticas da sociedade cara ao medio natural”.

- “O traballo dos concellos, xestores de portos e centros de promoción ambiental é recoñecido por un galardón de prestixio internacional que dá sinal da calidade contrastada dos areais ou dos portos, amais de constituír un elemento de atracción turística e seguridade na elección á hora de gozar da praia ou de escoller un punto de amarre”.

- “Galicia ten avanzado moito neste eido. Dun reducido número de bandeiras chegamos hoxe ás 104 que lucirán ao longo da nosa costa dando certificación á nosa condición de lugar privilexiado polo que ao contorno de ribeira se refire”.

- “Temos que sinalar que hoxe vimos a constatar que accidentes de triste recordo son superados claramente. Se hai un ano falabamos de que Galicia viña de conseguir 24 bandeiras máis que no ano 2003, temos que sinalar que a nova concesión a 11 areais reitera que estamos no bo camiño para seguir avanzando pese a atrancos como o que se nos deu un mal día de novembro”.

- “A sociedade galega (...) amosou que unha catástrofe pode servir de impulso para traballar con máis forza a prol da súa terra, elevando a conciencia ambiental para conservar o noso patrimonio máis prezado, como é o natural”.

- “A súa preocupación individual por mellorar ano a ano os servizos nas praias e portos, acada xa interese común entre todos, entendendo que a unión é sempre positiva. Neste senso, celebráronse, con gran éxito, en Burela e Ribeira sendas xornadas sobre bandeira azul que serviron para o intercambio de experiencias sobre os traballos e avances en materia de coidado de praias e portos”.

- “O Goberno galego quixo achegar tamén as súas iniciativas para que os servizos que se prestan puideran ser mellorados a favor dos usuarios dos espazos galardoados. É o caso da recollida selectiva en praias, iniciado no ano 2003, e que permite que 72 areais dispoñan deste sistema de separación de refugallos, de xeito que á limpeza tradicional das praias se una un avance substancial no tratamento dos residuos xerados nestes espazos”.

- “É o noso xeito de ter cada día un nivel máis alto que permita a Galicia consolidar unha posición importante dentro do recoñecemento aos seus areais e portos. E a bo seguro que obteremos incluso mellores resultados ano a ano”.

- “Traballaremos man con man para avanzar aínda máis na seguridade, na limpeza, na calidade de augas e areais. Será o mellor aval para lograr que as 104 bandeiras que este ano ondearán no noso territorio se incrementen en anos vindeiros”.

RELACIÓN DAS BANDEIRAS AZUIS 2005

- Praias que contan co galardón

• A Coruña
- Boiro: Carragueiros, Barraña e A Retorta
- Carballo: Razo
- A Coruña: Riazor, Orzán, San Amaro, Ozal e Lapas
- Cedeira: A Magdalena
- Cee: Estorde
- Dumbría: Ézaro
- Ferrol: Doniños e Sanxurxo
- Fisterra: Langosteira
- Laracha: Caión
- Malpica: Area Maior
- Miño: Praia Grande, Perbes e Ribeira
- Oleiros: Bastiagueiro e Mera
- Ortigueira: Morouzos, A Concha e San Antonio
- Pobra do Caramiñal: Illa de Laxe e Lombiñá-Cabío
- Porto do Son: Cabeiro, Aguieira e A Ornanda
- Rianxo: Tanxil
- Ribeira: Vilar, Coroso, Azor, Touro, Corna e A Ameixida
- Valdoviño: Frouxeira do Río (Meirás)
• Lugo
- Barreiros: Benquerencia-Valea, San Bartolo-Altar, As Pasadas, Lóngara, Arealonga e Coto
- Burela: A Marosa e O Portelo
- Cervo: O Torno e Cubelas
- Foz: Peizas, Areaoura, Llás, As Polas-Nois
- Xove: Esteiro
• Pontevedra
- A Guarda: O Muíño
- Baiona: Ladeira e Santa Marta
- Bueu: Portomaior e Area de Bon
- Cangas do Morrazo: Area Brava, Limens, Nerga, Melide e Areamilla
- Marín: Aguete, Portocelo, Mogor e Loira
- Moaña: Praia do Con
- Nigrán: Patos, Praia América e Panxón
- O Grove: A Lanzada, Area de Cruz, Rareiros (Paxareiro)
- Sanxenxo: Montalvo, Canelas, Caneliñas, Paxariñas, Silgar, Major, Foxos, Areas Gordas, Pragueira, Nosa Sra. da Lanzada e Baltar
- Vigo: A Punta, O Vao, Canido, O Tombo do Gato, Argazada e Rodas (Cíes)

- Portos deportivos

• A Coruña
- CN Portosín- Porto do Son
- RCN A Coruña
- PD Marina Sada
• Lugo
- CN Ribadeo
• Pontevedra
- Club de Yates Monte Real de Baiona
- Porto Deportivo de Vilagarcía

- Distincións a Centros Bandeira Azul

• Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, en Oleiros
• Aula Activa do Mar Santiago Gallego Picard, en Rianxo
• Aula de Natureza, en Valdoviño
• Centro de Educación Medioambiental Gaia, en Burela
• Barco Museo Bonitero Reina del Carmen, en Burela
• Ecomuseo Terras de Azul Cobalto, en Cervo
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia