Skip to main content

Cultura presenta en Valencia a Semana de Promoción Turística Auga en Galicia, Auga de Vida

A directora xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, María Antón, presentará o luns, 6 de xuño, ás 12 horas, no mercado de Colón en Valencia, o programa da I Semana de Promoción Turística de Galicia en Valencia, que baixo o lema “Auga en Galicia, auga de vida”, difundirá entre os cidadáns valenciáns todas as posibilidades das augas de Galicia para o goce do tempo de lecer.

Desde o vindeiro luns e ata o domingo 12 de xuño, Galicia estará presente no mercado de Colón, onde se recreará unha zona de augas e un gran spa urbano que gratuitamente se porá a disposición de todas as persoas que o visiten. Co fin de mostrar que a auga é cultura, Turgalicia informará sobre a oferta turística da Comunidade galega nun espacio de 500 metros cadrados na que se distibuirán varias zonas.

TRES ÁREAS

Na primeira zona, o Auga-bar, o visitante poderá refrescarse e prepararse para a masaxe que recibirá a continuación, nunha área de relaxación ambientada con música chill out e decorada con pantallas de plasma nas que se proxectarán imaxes turísticas de Galicia e onde se poderán degustar diferentes tipos e marcas de auga galega.Nesta degustación, en Madrid, colaborarón de xeito desinteresado as marcas de auga embotellada Cabreiroá, Mondariz, Sousas, Fontenova e Aquabona Fontoira.

A continuación, na área Spa, formada por 22 cabinas de masaxe, as persoas que se acheguen ao mercado de Colón poderán elexir entre masaxes faciais, de colo ou costas que recibirán de xeito gratuíto de mans dun profesional nunha atmosfera diáfana, ambientada con diferentes músicas.

Para concluir o percorrido, na terceira área accederase a toda a información turística da Comunidade autónoma de Galicia. Ademais, o usuario poderá crear a súa propia burbulla de sales, escollendo entre todas as que estarán dispostas nos numerosos pebeteiros, para levar como lembranza unha mostra da promoción e a auga de Galicia.

Parella á celebración desta Semana de Promoción Turística de Galicia en Valencia, que xa se celebrou en Madrid con 10.000 visitantes, e que se desenvolverá tamén en Barcelona entre os días 20 e 26 de xuño, na estación de Renfe-Nord instalarase o Pavillón da auga, unha unidade móbil na que todos aqueles que se acheguen a ela poderán atopar toda a oferta turística galega relacionada con este elemento. Este pavillón estará dispoñible para visitas entre os días 6 e 12 de xuño, en horarios de 10 a 14 horas e de 16.30 horas a 20.30 horas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia