Skip to main content

A Consellería de Cultura trasladará a súa experiencia sobre o Camiño de Santiago ao VII Foro España-Xapón

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo estará presente no VII Foro España-Xapón que se celebrará os días 4 e 5 de xuño na cidade nipona de Shirahama, na Prefectura de Wakayama. A través da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, presentarase neste encontro o traballo desenvolvido na ruta xacobea baixo o título “O modelo de xestión do Camiño de Santiago: o caso de Galicia”. Esta actividade da Consellería en Xapón servirá de anticipo á participación da Comunidade Autónoma na Exposición Universal de Aichi no mes de setembro.

A delegación xaponesa que participará neste foro bilateral amosou un interese especial pola participación da Consellería de Cultura dada relación de irmandade entre os Camiños de Santiago e Kumano. Os representantes orientais pretenden aproveitar a dilatada experiencia da Xunta de Galicia na promoción da Ruta Xacobea para aplicar esta política de revitalización dunha tradición de séculos no caso da súa propia ruta de peregrinación.

MELLORAR RELACIÓNS

Nesta VII edición, o Foro España-Xapón consistirá nun seminario para a reflexión sobre o estado das relación existentes entre os dous países, co obxecto de melloralas e promocionalas.

O encontro artéllase en mesas redondas que abordarán, incentivando a participación e o debate, diferentes temas mesturando os puntos de vista de expertos españois e nipóns. Economía, empresa, cultura, sociedades civís e actualidade política internacional serán os principais asuntos a tratar en Shirahama. Nesta ocasión, ademais, incluiranse na axenda fenómenos de ámbito rexional.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia