Skip to main content

Manuel Fraga salienta que Galicia foi a comunidade na que máis medrou o turismo no pasado ano, co conseguinte valor engadido para a economía e o emprego

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, salientou que o ano 2004 marcou un punto de inflexión “especialmente positivo” na evolución do turismo galego, xa que a Comunidade Autónoma recibiu seis millóns e medio de turistas, “batendo todas as referencias turísticas españolas”. “E isto non o determinamos nós de xeito unívoco –asegurou- senón que todos os datos económicos, tanto autonómicos como nacionais relativos ao ano pasado, sitúan a Galicia como a Comunidade Autónoma na que máis medrou o turismo ao longo do último exercicio, co conseguinte valor engadido para a economía e o emprego en Galicia”. O titular do Goberno autonómico participou este mediodía no acto sectorial de turismo e na presentación da memoria de actividade de Turgalicia 2004, que tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago, e á que tamén asistiron o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Jesús Pérez Varela, e a directora xeral de Turismo, María Antón.

Na súa intervención, Manuel Fraga lembrou que Galicia foi unha das Autonomías que liderou o crecemento da economía española no pasado exercicio, cun incremento do Produto Interior Bruto do 3 por cento, por riba da media nacional, situada no 2,7 por cento, e da europea, que foi do 2,4 por cento. Así mesmo, o máximo mandatario autonómico sinalou que a achega do turismo ao PIB galego pasou de case o 4 por cento no ano 1990 ao 10 por cento actual, acadando un peso específico dentro da rama servizos dun 20 por cento.

DESTINO TURÍSTICO “DE PRIMEIRA CATEGORÍA”

“Coido que estarán vostedes de acordo comigo se digo que entre todos temos convertido a Galicia nun destino turístico de primeira categoría no ámbito español, o que quere dicir mundial”, xa que España, engadiu Manuel Fraga, “está á cabeza como potencia mundial nesta materia e conta coas empresas máis avanzadas e desenvolvidas en materia hostaleira”.

Unha realidade que, segundo salientou o presidente da Xunta, é froito dun traballo “serio e decidido”, non só no ámbito estritamente turístico, senón tamén no impulso ás infraestruturas e servizos de todo tipo que teñen incidencia no sector. Neste sentido, puxo como exemplo as autovías de unión coa Meseta que, na súa opinión, “marcaron un antes e un despois na nosa definición como destino turístico”, así como a mellora substancial da rede interna de comunicacións por estrada. Un impulso que “debe ter continuidade” a través de novos proxectos como a Transcantábrica ou o AVE, unha aposta, dixo, “que semella non ter todo o eco que sería desexable noutras instancias”.

APOSTA POR UN MODELO PROPIO DE TURISMO

Na súa intervención o presidente da Xunta lembrou ademais o esforzo “sen precedentes” realizado nos últimos anos pola industria turística galega, ata que se acabou convertendo nun sector dinámico e moderno, sen perder a súa longa tradición de servizo, superando o seu carácter estritamente familiar e avanzando na profesionalización e na calidade como sinal de identidade.

Manuel Fraga tamén avogou por manter no futuro un modelo propio baseado nos recursos da Comunidade Autónoma, superando “exposicións –dixo- máis limitadas, caso do defendido polo actual Goberno central, que se fundamenta no fomento do produto sol e praia”. Neste sentido, o presidente galego apostou por facer valer os recursos culturais, naturais, náuticos, o turismo de saúde ou o turismo rural, co fin de manter e incrementar a posición da Comunidade como destino alternativo ao modelo tradicional que, insistiu, “está a amosar claramente as súas debilidades”.

SECTOR COMPETITIVO

Por último, o máximo mandatario autonómico indicou que Galicia xa está a ser modelo de referencia noutros territorios, xa que conta cun sector turístico forte, centrado e competitivo, capaz de afrontar as incertezas do futuro. “Hoxe, estou seguro, o turismo galego vive o momento máis doce da súa historia, e encara o século XXI nunhas excepcionais condicións”, concluíu.

PALABRAS DO PRESIDENTE DA XUNTA NO ACTO SECTORIAL DE TURISMO E NA PRESENTACIÓN DA MEMORIA DE ACTIVIDADES DE TURGALICIA 2004

- “Como xa saben, o ano 2004 marcou un punto de inflexión especialmente positivo na evolución do noso turismo, no que a Comunidade galega recibiu seis millóns e medio de turistas, batendo todas as referencias turísticas españolas”.

- “E isto non o determinamos nós de xeito unívoco, senón que todos os datos económicos, tanto autonómicos como nacionais relativos ao ano pasado, sitúan a Galicia como a Comunidade Autónoma na que máis medrou o turismo ao longo do último exercicio, co conseguinte valor engadido para a economía e o emprego en Galicia”.

- “De feito, a nosa Comunidade foi unha das Autonomías que lideraron o crecemento da economía española en 2004, cun incremento do PIB do 3 por cento, por riba da media nacional, situada no 2,7 por cento, e da europea, que foi do 2,4 por cento. Isto tamén sucedeu no ano 1999, cando o incremento do PIB galego foi do 5,2 por cento fronte ao incremento do 4,2 por cento do PIB de España e do 2,9 por cento do PIB europeo”.

- “Hai que engadir, volvendo a vista atrás, que a achega do turismo ao Produto Interior Bruto galego pasou de situarse en torno ao 4 por cento no ano 1990 ata o 10 por cento actual, semellante á media española, cun peso específico do turismo do 20 por cento dentro da rama servizos”.

- “Esta realidade é froito dun traballo serio e decidido, non só no ámbito estritamente turístico, senón tamén no do impulso ás infraestruturas e servizos de todo tipo, que teñen unha clara incidencia no éxito deste sector”.

- “Coido que estarán vostedes de acordo comigo se digo que entre todos temos convertido a Galicia nun destino turístico de primeira categoría no ámbito español, o que quere dicir mundial”.

- “A industria turística galega fixo un esforzo sen precedentes nos últimos anos para se converter nun sector dinámico e moderno, sen perder a súa longa tradición de servizo, pero superando o seu carácter estritamente familiar para avanzar na profesionalización e a calidade como sinal de identidade. Hoxe, estou seguro, o turismo galego vive o momento máis doce da súa historia, e encara o século XXI nunhas excepcionais condicións”.

- “Nós, desde Galicia, imos facer valer o noso pulo en eidos como a cultura, a natureza, a náutica, o turismo de saúde ou o turismo rural, para manter e incrementar a nosa posición como destino alternativo a ese modelo tradicional, que está a amosar claramente as súas debilidades”.

- “Hoxe, en definitiva, contamos cun sector forte, centrado e competitivo, capaz de afrontar as incertezas do futuro con firmeza e decisión, e que está a facer de Galicia unha Comunidade modelo para o desenvolvemento turístico do futuro en España, que moitos xa copian e tentan aplicar nos seus territorios”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia