Skip to main content

Unha recreación virtual de Galicia permitirá xestionar datos do territorio e facer predicións e simulacións con intelixencia artificial

O Xemelgo Dixital de Galicia (XDG) é unha das tres iniciativas promovidas pola Xunta de Galicia que forman parte dos 11 proxectos emblemáticos de transformación dixital seleccionados polo Goberno do Estado, na primeira fase do Programa de Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica (Retech).

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Consellería de Facenda e Administración pública, xunto coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, da Consellería de Medio Rural e o Instituto de Estudos do Territorio, da Consellería de Medio Ambiente e Territorio, desenvolverán a reprodución virtual de Galicia en forma de xemelgo dixital. Esta ferramenta permitirá planificar e xestionar de forma intelixente, en base a simulacións e analíticas preditivas, a prestación de servizos e actuacións públicas e privadas, sobre todo en contornas rurais. 

O xemelgo dixital articúlase en torno ao proxecto Territorio Intelixente e o Sistema de Información Xeográfica da Xunta de Galicia (SIX). As principais aplicacións terán que ver coas actividades agrarias, a mobilidade interurbana e a xestión de infraestruturas rurais. 

A Xunta de Galicia aporta xa ao proxecto activos de partida como as Aldeas Intelixentes; a posta en marcha dunha rede de Internet das Cousas (proxecto iCousas), xestionada de maneira centralizada e con cobertura do 71% do territorio; actuacións integradas no Civil UAVs para o uso de aeronaves non tripuladas; ou o modelo único, modular e configurable de comunidade enerxética. 

Entre os retos do xemelgo dixital están o mellor aproveitamento dos recursos públicos e as infraestruturas para acadar un modelo de transporte sostible en base a datos históricos e predición de tendencias; a creación de ferramentas e técnicas para mellorar a optimización dos recursos agrarios e gandeiros; ou facilitar a captación, análise de datos e simulación para a toma de decisións operativas máis eficientes na xestión das infraestruturas rurais. 

O xemelgo dixital, que será aberto e colaborará con outros territorios, contará con servizos como simulador de escenarios; visualización 2D, 3D e 5D; visor GIS; cadro de mandos; mapa de rúas interactivo ou información de meteoroloxía e clima. Utilizará tecnoloxías de intelixencia do dato, como servizos analíticos, ‘machine learning’, algoritmos de IA, capa de modelado de datos e un espazo de datos (lago de datos federado da Xunta de Galicia). 

Os datos procederán de sensores de Internet das Cousas (IoT), cámaras fixas, aeronaves non tripuladas (UAVs) e estacións meteorolóxicas. 

A iniciativa galega, con orzamento de 4 millóns de euros, forma parte do proxecto Retech “Aceleración de ecosistemas de emprendemento e innovación baseados en xemelgos dixitais”, no que tamén participan as comunidades da Rioxa, Estremadura, Navarra e Castela A Mancha.
Xunta de Galicia