Espazos Sonoros presenta a súa edición 2022

“Logo do éxito da edición pasada”, dixo Penas, “estamos encantados de volver colaborar”, cunha programación que cualificou de “espectacular”. O deputado agradeceu a labor “inmensa e magnifica que se está a facer desde o equipo de Espazos Sonoros”.
Baixo o lema “memoria dos lugares, voz do tempo”, esta nova entrega continúa a unir música e patrimonio para deitar unha ollada sobre o pasado que nos permita observar e interpretar o presente para albiscar no futuro.
Bermejo, pola súa banda, salientou que “non é un macrofestival e non pretende selo, traballamos para chegar ao máis proximo e abrir xanelas que nos acheguen ao que pasa no mundo”. É por iso que o cartel combina proxectos de experimentadas formacións galegas con figuras convidadas do máis alto nivel internacional. Así, ofrécese a oportunidade de escoitar á cantante arxentina Diana Baroni co Grupo de Música Antiga 1500 no proxecto Dous Mares, o poliédrico Abraham Cupeiro, a capela ao completo dos Ministriles de Marsias, o arpista Manuel Vilas, o Austrian Baroque Company canda o violinista Florian Hasenburger ou La Spagnoletta co contratenor Miguel Ulla.
Ademais, a programación propón unha serie de actividades ligadas aos concertos, que permitirán coñecer de preto os espazos nos que teñen lugar e as súas contornas. O castelo de Naraío, o mosteiro de Caaveiro, Borneiro, o Dolmen de Dombate, as Terras rosalianas ou a lagoa de Sobrado serán os escenarios privilexiados aos que Espazos Sonoros se achegará nesta edición.
Igualmente, o cartel continúa a aposta pola visibilización das paisaxes organísticas, facendo na súa última semana parada en Santiago de Compostela con dous concertos nun dos órganos máis interesantes que se conservan en Galicia, o de San Paio. Unha novísima organista, Ana Aguado, canda o grupo Favola d’Argo, serán as encargadas de facer soar este instrumento.
Os concertos son de balde e a entrada libre, até completar a capacidade, excepto nos espazos en Caaveiro e o Dolmen de Dombate, que teñen prazas limitadas. No catálogo e na web http://www.espazossonoros.org poden consultarse as actividades para as que cómpre realizar unha inscrición previa.
Espazos Sonoros