Skip to main content

A revista Viajes de National Geographic publica unha ampla reportaxe turística sobre Galicia e as Rías Baixas

Os atractivos turísticos de Galicia mereceron a atención da revista Viajes, de National Geographic, no seu derradeiro número. A publicación inclúe unha ampla reportaxe sobre as Rías Baixas, que contou coa colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a través de Turgalicia. Esta mesma institución ven de renova-lo seu acordo coa revista Viva! de Porto para a promoción turística da Comunidade Autónoma en Portugal.

As páxinas de Viajes fan un percorrido por diversos lugares da costa galega, como Sanxenxo, O Grove, A Lanzada ou A Toxa, deténdose na oferta de praias e espacios naturais como as dunas de Corrubedo ou as Illas Cíes, ás que lle adica unha fotografía a dobre páxina. Ademais, a publicación de National Geographic tamén presta atención ao patrimonio histórico-artístico da zona, en especial a mosteiros como o de Poio.

O autor da información, o galego Eduardo Rolland, completa o texto cunha sección titulada “As visitas principais”, na que inclúe as súas recomendacións persoais para os turistas que visiten as Rías Baixas. Para a elaboración desta reportaxe especial, Rolland dispuxo da axuda da Consellería de Turismo, que lle facilitou algunhas imaxes do litoral galego, desde a ría de Muros e Noia ata a ría de Vigo.

RIQUEZA TERMAL

A promoción turística de Galicia en publicacións periódicas internacionais verase tamén reforzada co compromiso que veñen de subscribir a Consellería de Cultura e a revista portuguesa Viva!, que acordou difundir os valores turísticos da Comunidade, con especial atención á riqueza termal. Este acordo, que xa ten precedentes en anos anteriores, considérase de especial relevancia para a promoción no país veciño, pois a difusión desta publicación gratuita en Porto e a súa zona de influencia é de máis de 125.000 exemplares.

Programaronse catro insercións anuais nesta revista da campaña “Smile, you are in Galicia”, así como outras catro publireportaxes especiais, tres delas sobre termalismo e unha máis sobre turismo náutico. Durante o mes de marzo apareceu xa publicada a presentación dos establecementos termais galegos, e o resto de aparicións da publicidade de Turgalicia serán en xuño, setembro e decembro.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia