Skip to main content

O paso de cinco borrascas por Galicia deixaron un mes de xaneiro moi frío e húmido

Debido á presenza dunha masa de aire moi fría, as baixas temperaturas acadadas na primeira quincena, marcaron o mes. O valor medio das temperaturas máximas foi de 9.4 ºC, acadándose os valores máis altos no interior da península do Morrazo, con valores próximos aos 14 ºC. As máximas máis baixas déronse na alta montaña ourensá, principalmente en Pena Trevinca, onde se acadaron os 0.4 ºC.

En relación coa temperatura media das mínimas, o valor medio situouse nos 2.7 ºC, sendo o macizo de Manzaneda e a comarca da Limia, con temperaturas medias inferiores aos -3 ºC, onde se rexistraron os valores máis baixos. Pola contra, os valores máis altos déronse de forma xeneralizada no litoral da Comunidade, con valores próximos aos 8 ºC.

Así, a anomalía da temperatura media para este mes de xaneiro foi de -0.80 ºC, o que fai que o mes poida considerarse no conxunto de Galicia como moi frío. Isto debeuse principalmente as temperaturas máximas, que foron moi frías (-1.30 ºC), mentres que as mínimas foron frías (-0.40 ºC). A anomalía deste ano igualouse á do 2019, ambas co precedente máis frío en 2006.

Normalidade nas precipitacións

En relaciónás precipitacións, estas foron un 37% superior ao valor climático normal; polo que o primeiro mes do ano se considera húmido. O mes de xaneiro estivo caracterizado polo paso de cinco borrascas, Filomena (día 9), Gaetán (19), Hortense (21), Ignacio (23) e Justine (29), que deixaron precipitacións acumuladas -incluso en forma de neve en cotas baixas- por un valor medio de 234L/m2 no conxunto da Comunidade

As máis elevadas acadáronse principalmente no oeste de Galicia, pero tamén nas serras setentrionais e nos Ancares, onde se superaron localmente os 400 L/m2. A comarca de Terra de Lemos e o concello de Carballeda de Valdeorras rexistrou os valores máis baixos de precipitación, entorno aos 80 L/m2.
Meteogalicia