Skip to main content

Investigadores de sete países danse cita no III Congreso Internacional 'O Camiño do Medievalista'

'Usamos este lema como unha metáfora da traxectoria do congreso, que alcanzou a súa terceira edición, fundamentando o seu crecemento'. O encontro pretende “ofrecer aos máis novos investigadores un foro de utilidade científica onde compartir as súas investigacións”, sinalan. Esta terceira edición vai contar con 37 comunicantes que se van reunir nunha aula virtual dende España, Suíza, Francia, Portugal, Italia, Reino Unido e México, vinculados a máis de vinte institucións académicas. As comunicacións repartiranse en dez mesas, cada unha dedicada a un tema específico de estudos medievais e cun marcado carácter interdisciplinario.

O relatorio inaugural corre a cargo da profesora Dolores Barral Rivadulla, no que aborda a indumentaria medieval. Os días 24 e 25, Mariña Arbor Aldea e Israel Sanmartín Barros analizarán, respectivamente, os resultados do proxecto Lírica e a relación entre historia e ficción na novela histórica sobre a Idade Media. O programa conta tamén cunha visita virtual á Catedral de Santiago de Compostela e ao seu Arquivo-Biblioteca o día 24 de Setembro. Así como na edición anterior, tamén este ano o Congreso quere seguir mantendo a súa vocación formativa para o estudantado que desexe mellorar o seu coñecemento sobre aqueles aspectos vinculados á Idade Media que se irán tratar. Por esta razón, esta actividade conta cun crédito ECTS recoñecido en Historia e Arte.

Alén da USC, toman parte na organización do encontro o Centro de História da Sociedade e da Cultura da Universidade de Coimbra e o Arquivo-Catedral de Santiago de Compostela, así como o portal sobre o mundo académico medieval Medievalitis.
III Congreso Internacional 'O Camiño do Medievalista'