O EcomWay reúne esta semana a profesionais do turismo arredor do Camiño Inglés

A segunda parte do EcomWay levará a facer as tres etapas que separan A Coruña de Santiago aos blogueiros e xornalistas especializados participantes. Na primeira, o mércores 22, os peregrinos camiñarán da Igrexa de Santiago da Cidade Vella ata Bruma. A seguinte será o xoves percorrendo os 24km que hai entre Bruma e Sigüeiro mentres que a última, levará os camiñantes desde a localidade orosá ata Santiago de Compostela na véspera do Día do Apóstolo.
Este evento está organizado por Turismo da Coruña e pola Deputación da Coruña e conta coa colaboración da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, o Xacobeo 2021 e diferentes empresas do sector privado.
O Camiño Inglés conta en Galicia con dúas alternativas: o itinerario desde A Coruña de 73 quilómetros e o que parte de Ferrol con 112,5 quilómetros. Para poder lograr a Compostela partindo desde A Coruña é necesario completar os 100 quilómetros cunha etapa no país de orixe, aínda que tamén se lle concede aos cidadáns coruñeses que parten da nosa cidade.
Desde maio deste ano, A Coruña pertence á Asociación de Concellos do Camiño Inglés do que forman parte 16 dos 18 concellos polos que transcorre a ruta xacobea.
EcomWay