Skip to main content

Un total de 133 areais, portos deportivos e aulas-centros da natureza galegos lucirán o distintivo de bandeira azul este verán

Galicia mantén a súa segunda posición no número total de areais que contan con bandeira azul, despois de Valencia con 134 distincións. Deste xeito, a comunidade galega acapara case un 20% das 589 bandeiras azuis totais outorgadas en España pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) aos areais, e vai seguida no ranking nacional pola Comunidade andaluza (100 bandeiras) e a catalá (95).

Nesta nova edición, o Concello de Sanxenxo volve repetir posición como o concello galego -e do conxunto do Estado- con máis bandeiras azuis, con 17 praias distinguidas. Cómpre indicar que Sanxenxo presentou nesta edición unha candidatura individual para as praias de Nosa Señora da Lanzada, O Espiñeiro, Areas Gordas e A Lapa, que foron distinguidas con este distintivo. Na provincia de Pontevedra, destacan tamén o Concello de Vigo, que suma 10 en 2020; Cangas do Morrazo (7), e Marín (con 5 bandeiras).

Na provincia da Coruña, o municipio de Arteixo é o que máis recoñecementos deste tipo obtén este ano, con sete -ao igual que en 2018 e 2019-; seguido de Oleiros e A Coruña, con cinco areais distinguidos, respectivamente.

Polo que respecta á provincia de Lugo, Foz é un ano máis o concello da provincia que acumula máis distintivos, con cinco galardóns para as praias de A Rapadoira, Areoura, As Polas, Llas e Peizás.

Os criterios esixidos para a obtención de bandeiras azuis están relacionados coa calidade das augas, que ten que ser excelente; a seguridade, a completa dotación de servizos, a accesibilidade, a atinada xestión ambiental e a sustentabilidade dos areais e das dársenas.

Portos deportivos, centros azuis

En relación aos portos deportivos, en 2020 Galicia obtén 12 galardóns, sendo a provincia da Coruña a primeira en encabezar a lista con seis portos, seguida por Pontevedra con cinco e un na provincia de Lugo. O Clube Náutico de Sada, o Porto Deportivo Sadamar e o Real Clube Náutico de Sanxenxo reciben este ano este distintivo, mentres que na anterior edición non o ondearon.

É de destacar que Galicia tamén recibe a distinción para 14 centros azuis. O requisito para converterse en centro azul para un concello con bandeira azul ás súas praias ou portos, é a existencia dun centro de visitantes, aula do mar ou de natureza que ofreza educación ambiental sobre os ecosistemas litorais e o desenvolvemento sostible, así como información específica e/ou actividades relacionadas co programa Bandeira Azul.

O municipio que queira optar a esta distinción debe presentar un dossier xustificativo da súa proposta, así como, ao ano seguinte, a memoria anual da actividade, xunto coa súa candidatura, que xustifique o mantemento da súa condición como centro azul en anos sucesivos. Por estes motivos, a Xunta de Galicia felicita aos concellos de Oleiros, Boiro, A Laracha, Camariñas, Burela, Cervo, Bueu, Sanxenxo, A Illa de Arousa e Marín por ser quen de acadar este recoñecemento.
Xunta de Galicia