Skip to main content

A Xunta achegará máis dun millón de euros ao Plan de Excelencia Turística de Lugo

Lugo acolleu a VIII Gala da Hostalería e o Turismo de Galicia, que estivo presidida polo titular do Executivo autonómico, Manuel Fraga. O presidente da Xunta amosou a súa satisfacción porque Lugo sexa a sede desta nova edición da gala, posto que se trata dunha cidade que, a xuízo do mandatario autonómico, “está apostando de xeito decidido polo turismo como eixo fundamental do seu desenvolvemento”. A cidade está a levar a cabo un “ambicioso” Plan de Excelencia Turística na cidade, que suporá un investimento total de 3 millóns de euros, dos que a Xunta de Galicia achegará unha terceira parte.

Entre as accións que se desenvolverán no marco deste plan destaca a creación dun observatorio turístico, un centro de atención ao visitante, un plan de sinalización e un portal de internet, entre outras iniciativas. Manuel Fraga realizou un chamamento á participación dos hostaleiros para levar adiante este plan. Así mesmo, engadiu que a gala que preside constitúe “un foro privilexiado para insistir na necesidade de reforzar esa colaboración entre os ámbitos público e privado neste eido do turismo”.

CONSOLIDACIÓN DA MODERNIZACIÓN

Tamén expresou Manuel Fraga o seu recoñecemento aos profesionais da hostalería que están a traballar na consolidación da modernización de Galicia. Neste sentido apuntou un dato, despois de recibir máis de 6 millóns de turistas en 2004, o ritmo de visitantes neste ano non se detivo, o que constitúe un auxe para o turismo galego no que a hostalería xoga un papel fundamental pola súa busca da calidade e por levar a cabo iniciativas de formación dos recursos humanos, entre outros aspectos.

O presidente da Xunta lembrou que Galicia traballa en 2005 coa idea da auga como referente para a atracción turística e sinalou que Lugo e toda a súa provincia “poden presumir de contar en abundancia e calidade” de augas termais, auga de río e auga de mar.

RELACIÓN DE PREMIADOS

Os galardóns nesta VIII Gala da Hostalería e o Turismo de Galicia distribuíronse en diferentes modalidades. Así, no Campionato Galego de Sumilleres o primeiro premio foi parar a David Barco, do Club Financeiro de Vigo; o segundo recaeu en Francisco López, do Restaurante España de Lugo; e o terceiro outorgouse a Marina Cruces, do Restaurante Casa Alfredo de Mos (Pontevedra).

No que respecta ao Campionato Galego de Xefes de Sala-Maitres o primeiro clasificado e campión de Galicia foi Alberto Hermida, do Hotel Barceló Almirante, de Ferrol. Por tras situouse Ignacio Costoya, do Complexo La Cabaña, de Palas de Rei (Lugo); e, finalmente, o terceiro clasificado foi Ricardo Varela, de Casa Peizás, da Capela (A Coruña).

Os premios HG&T (Hostalería Galega e Turismo) aos hostaleiros do ano na categoría Culleres HG&T recaeron en Taberna La Navarra (Pontevedra), Hotel Barreiro (Ordes), e Xelados La Ibense (Ourense). Os Garfos HG&T foron para o Restaurante Altamira, de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), Las Bridas (Vigo) e Restaurante Verruga (Lugo). Finalmente, as Estrelas HG&T destináronse ao Hotel Betanzos, de Celanova (Ourense); a Cadena Husa Galicia e o Hotel Méndez Núñez (Lugo).

Houbo outra categoría denominada Bos e Xenerosos para a HG&T, distribuídos en dúas modalidades. Por unha banda os Bos para a HG&T que distinguiron a José Manuel Rodríguez González, director xerente do Padroado de Turismo de Ourense; José Novo Rodríguez, do Porto de Celeiro; e Antonio López, xefe do área de Turismo Rural de Turgalicia. Os Xenerosos para a HG&T foron parar a Oms y Viñas; Elmar; e Gadisa.

Por último, outorgouse unha mención extraordinaria, por parte da revista Hostalería Galega & Turismo a Juan Carlos Martín Fragueiro, secretario xeral de Pesca e presidente de FROM; Odilo Martiñá, director xeral de Formación e Colocación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais; Xosé Clemente López Orozco, alcalde de Lugo; e Pilar Rojo; conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA NA VIII GALA DA HOSTALERÍA E O TURISMO DE GALICIA

-“De novo teño a honra de pechar coa miña intervención esta edición –e xa van oito- da Gala da Hostalería e o Turismo de Galicia. Compráceme moito presidir este solemne acto, que xa é unha entrañable tradición para toda a familia da hostalería e o turismo de Galicia”.

-“E teño que engadir que sinto especial satisfacción polo feito de que esta celebración teña lugar de novo na provincia de Lugo, e máis concretamente na súa capital, xa que esta cidade está apostando de xeito decidido polo turismo como eixo fundamental do seu desenvolvemento. Neste sentido quero lembrar o compromiso das administracións públicas –local, autonómica e central-, xunto cos empresarios, para levar adiante un ambicioso Plan de Excelencia Turística nesta cidade das murallas, que suporá un investimento total de tres millóns de euros, dos que a Xunta de Galicia achegará unha terceira parte”.

-“Este programa marcará un antes e un despois na oferta turística deste destino, coa posta en marcha de iniciativas como a creación dun observatorio turístico, un centro de atención ao visitante, un plan de sinalización e un portal de internet, entre outras medidas”.

-“Esta xornada festiva ten tamén a bondade de servir como recoñecemento aos profesionais que desde dentro ou fóra da hostalería están a traballar no seu impulso e consolidación como un dos grandes motores de modernización de Galicia”.

-“En 2005, como é sabido, estamos a traballar co concepto da auga como gran referente. Auga termal, da que por certo Lugo e toda a provincia poden presumir de contar en abundancia e calidade, e tamén auga de río e de mar”.

RELACIÓN DE PREMIADOS NA VIII GALA DA HOSTALERÍA E O TURISMO DE GALICIA

A) X CAMPIONATO GALEGO DE SUMILLERES:

-Terceiro clasificado: Marina Cruces García, do Restaurante Casa Alfredo de Mos

-Segundo clasificado: Francisco López López, do Restaurante España de Lugo

-Primeiro clasificado e Campión de Galicia: David Barco Araujo, do Club Financiero de Vigo


B) III CAMPIONATO GALEGO DE XEFES DE SALA-MAITRES:


-Terceiro clasificado: Ricardo Vales Varela, de Casa Peizás, da Capela

-Segundo clasificado: Ignacio Costoya, do Complexo La Cabaña, de Palas de Rei.

-Primeiro clasificado e Campión de Galicia: Alberto Hermida Vila, do Hotel Barceló Almirante, de Ferrol.

PREMIOS HG&T AOS HOSTALEIROS DO ANO

Culleres HG&T: Taberna La Navarra (Pontevedra), Hotel Barreiro (Ordes) e Xelados La Ibense (Ourense).

Garfos HG&T: Restaurante Altamira (Vilagarcía de Arousa), Restaurante Las Bridas (Vigo) e Restaurante Verruga (Lugo).

Estrelas HG&T: Hotel Betanzos (Celanova), Cadena Husa Galicia e Hotel Méndez Núñez (Lugo).

BOS E XENEROSOS PARA A HG&T

Bos para a HG&T: José Manuel Rodríguez González, director-xerente do Padroado de Turismo de Ourense, José Novo Rodríguez, do Porto de Celeiro, S.A. e Antonio López García, xefe do área de Turismo Rural de Turgalicia.

Xenerosos para a HG&T: Oms y Viñas; Elmar; e Gadisa.

Bos e Xenerosos para a HG&T:

Mención Extraordinaria, que neste caso outorga a redacción da revista Hostelería Galega & Turismo, a D. Juan Carlos Martín Fragueiro, Secretario Xeral de Pesca e presidente do FROM.

Odilo Martiñá Rodríguez, director xeral de Formación e Colocación; Xosé Clemente López Orozco, alcalde de Lugo; e Pilar Rojo Noguera, conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia