Inícianse no CIFP Compostela as catas oficiais dos queixos e meles de Galicia con 93 mostras de 56 industrias

Así, as catas darán comezo mañá, mércores, no Centro Integrado de Formación Profesional Compostela, sito en Lamas de Abade. Ese día arrancará a XVIII Cata dos Meles de Galicia, mentres que os días 28 e 29 destinaranse á XXII Cata dos Queixos de Galicia. Un labor que levará a cabo un panel de sete expertos, no caso dos meles, e doce no dos queixos, encargados de analizar totalmente a cegas e de forma minuciosa as mostras, para pasar a seleccionar as marcas gañadoras. Todos eles son profesionais experimentados vencellados ao ámbito da gastronomía, hostalería, comunicación e ao sector agroalimentario.
Nesta edición das catas rexistráronse un total de 36 industrias queixeiras pertencentes ás catro denominacións de orixe galegas —DOP Queixo Tetilla, DOP Arzúa-Ulloa, DOP San Simón da Costa e DOP Cebreiro— e 20 industrias do mel acollidas á Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. Os técnicos da Agacal, en colaboración cos consellos reguladores, recolleron a semana pasada un total de 93 mostras participantes, avalando en todo momento o anonimato das marcas participantes.
Mostras presentadas
No proceso de recollida, os queixos e meles participantes identifícanse cun número de mostra que, posteriormente, se mudará por outro antes de proceder á cata, garantindo así de maneira fidedigna o anonimato das mostras en todo momento. As caixas que conteñen os queixos e os meles non portan ningunha marca que permita ser identificada e permanecen precintadas e custodiadas ata o momento da cata.
No tocante aos meles, participan 20 industrias que inscribiron 14 meles para concursar na categoría “A” de Meles Monoflorais e 18 para a categoría “B”, correspondente a Meles Multiflorais. No caso dos queixos, son 36 as industrias queixeiras a concursar, cun número de mostras que se distribúen da seguinte forma: 26 queixos inscritos da DOP Queixo Tetilla; 18 queixos na categoría DOP Arzúa-Ulloa e 6 queixos que compiten como Arzúa-Ulloa curado; 9 pertencentes á DOP San Simón da Costa e 2 queixerías na categoría de queixo fresco da DOP Cebreiro.
Un esixente panel de cata
O panel da XXII Cata dos Queixos contará coa presenza de cinco membros do panel de cata de Medio Rural, aos que se sumarán nomes coma o de Iria Espinosa, xefa de cociña do laureado Árbore da Veira, galardoado cunha Estrella Michelin. Tamén estará Isabel Marcos, responsable técnica e de calidade no Consello Regulador da DOP Cabrales e Artur Yuste i Tarragó, director xeral do Grupo Cuevas, unha das maiores plataformas loxísticas de distribución alimentaria desde 1867. Entre os persoeiros máis mediáticos, súmanse a química coruñesa e divulgadora científica, protagonista de Órbita Laika —La 2 de TVE—, Deborah García; e unha das caras máis coñecidas da Televisión de Galicia, o presentador de Larpeiros, Adrián Díaz. Sen saír da CRTVG, tamén participará Anxo Vázquez Pernas, director dos primeiros programas televisivos especializados en información agraria da Labranza e do Agro. Por último, catará tamén Francisco J. Fernández Eiros, experto en análise sensorial de produtos lácteos e membro do panel de cata da APLTA.
No que respecta á XVIII Cata dos Meles, ademais dos catro membros do panel de cata da IXP Mel de Galicia, incorpóranse tres profesionais máis. Dunha banda, o xornalista e profesor universitario, Manuel Gago, coñecido tamén por ser o director do portal de divulgación do Consello da Cultura Galega e editor do blog Capítulo 0. As súas publicacións convertérono en todo un referente no ámbito da divulgación histórica, gastronómica e cultural. Acompañarao Ana Pascual Maté, coordinadora académica do Grao de Nutrición Humana e Dietética da Universidade Isabel I de Burgos e membro do grupo de análise sensorial da IHC —International Honey Commission—. Por último, tamén participará a televisiva Teresa Abalde, fotógrafa e interiorista máis coñecida por acadar a segunda posición no talent show culinario MasterChef.
Axencia Galega da Calidade Alimentaria