Declarada BIC a zona arqueolóxica de Castromao, un dos asentamentos castrexos máis antigos de Galicia

Esta zona comprende un conxunto de bens de diferente natureza situados no cumio e ladeiras do coto no que se localiza o castro, ocupado de xeito continuado desde a primeira Idade de Ferro (desde o século VII a.C ata o século III d.C.), pasando pola Idade Media ata a actualidade. Entre eles, figuran estruturas defensivas visibles como murallas, foxos e antecastros. Ademais, unha das principais características que fai singular a Castromao dentro do conxunto dos castros galegos é a cantidade, variedade e riqueza dos restos arqueolóxicos exhumados en numerosas campañas de escavacións realizadas desde os anos 60 e que descubriron, por exemplo, á Tábula Hospitalis, que dá conta do pacto asinado por este pobo cun prefecto romano no ano 132 d.C. Tamén destaca a variedade dos tipos cerámicos, de xeito que coexisten formas castrexas de produción propia con outros elementos procedentes de Grecia.
A declaración aprobada hoxe alcanza a totalidade dos vestixios e rexistros arqueolóxicos vinculados a esta área e inclúe un catálogo de elementos patrimoniais vinculados entre os que destacan un petróglifo, hórreos, un cruceiro e as ruínas dunha capela situados no propio castro, unha área arqueolóxica potencial situada ao oeste e un epígrafe romano encaixado no casa reitoral de Castromao, ademais dun conxunto de elementos representativos da arquitectura popular dese núcleo.
O emprazamento do castro, nun outeiro que domina visualmente un vasto territorio sobre as terras de Celanova e Ourense, foi estratexicamente seleccionado para o control dos intercambios comerciais entre a ruta fluvial do río Miño e as vías terrestres.
Cómpre destacar que, na actualidade, a zona presenta un magnífico estado de conservación no que se refire ás estruturas arqueolóxicas exhumadas, consolidadas e exhibidas, un total de 75 vivendas que xunto coas murallas e muros de contención constitúen unha excelente mostra da arquitectura en pedra e urbanismo castrexos.
Réxime de protección
O contorno de protección circunscribe a totalidade da zona arqueolóxica e atinxe os socalcos e a ladeira baixa do sector leste e norte. Inclúe tamén as áreas de influencia susceptibles de albergar restos arqueolóxicos. Na zona oeste inclúe as terrazas de Cerdeira; polo norte a ladeira ata a ruptura da pendente; polo leste a aldea de Castromao incluída a igrexa; polo sur ata a estrada, e polo oeste incorpora unha área de plataformas de posible potencial arqueolóxico nos lugares identificados como Cañotas, Rescaldo, Cerdeira e Monte Vello.
Tras a declaración como BIC do conxunto, as intervencións que se pretendan realizar no ben ou no seu contorno de protección terán que ser autorizadas pola Xunta de Galicia e os propietarios, posuidores ou arrendatarios están obrigados a conservalos, mantelos e custodialos, evitando a súa perda, destrución ou deterioración. Ademais, están obrigadas a permitirlle o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador e ao persoal técnico designado pola Administración, así como a comunicar calquera dano ou prexuízo que sufrisen e afecten ao seu valor cultural. Por último, permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día. O decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Actuacións en castros
Esta declaración súmase ao traballo que a Xunta vén realizando no eido patrimonial. Precisamente, este mesmo mes, o Consello da Xunta aprobou declarar Ben de Interese Cultural (BIC) o Castro de Santa María de Cervantes (Lugo), así como a inscrición no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia de diversos bens do ámbito desta zona arqueolóxica, á vista das súas características e dos seus valores culturais sobranceiros.
Ademais, o Goberno galego está a traballar na posta en valor doutros conxuntos castrexos como o castro de Montealegre en Moaña (Pontevedra), que será obxecto dunha re-escavación arqueolóxica, consolidación e restauración das estruturas, documentación e limpeza dos petróglifos existentes, así como do acondicionamento, sinalización e adecuación do acceso ao xacemento co obxectivo de favorecer un maior coñecemento e aproveitamento sociocultural do conxunto arqueolóxico. A inversión para estes fins ascende a 320.000 euros.
Así mesmo, realizarase unha nova campaña de escavacións e consolidación de estruturas no castro de Viladonga (Castro de Rei), cun orzamento de 231.200 euros destinados a traballos de investigación, documentación, escavación, consolidación e acondicionamento do xacemento. Grazas a isto, garantirase a súa conservación e protección.
O castro de San Tomé (Ourense) tamén está a ser obxecto de actuacións por un importe total de 124.000 euros, uns traballos que se atopan na fase final de consolidación das estruturas, e adxudicaranse actuacións no campamento romano de Ciadella (Sobrado) por importe de 274.265 euros.
Cómpre lembrar que Galicia conta cun rico patrimonio cultural constituído por bens materiais e inmateriais que, polo seu recoñecido valor propio, deben ser estudados e considerados para a permanencia e a identidade da cultura galega a través do tempo. Neste sentido, Galicia conta na actualidade con 742 BICs, unha cifra na que xa se inclúe a zona arqueolóxica de Castromao. Os elementos singulares declarados Ben de Interese Cultural na nosa Comunidade nos últimos meses son as estatuas do Mestre Mateo, o Arquivo Fotográfico Vidal, a Cova Eirós, as técnicas construtivas da carpintería de ribeira, a ampliación dos muíños do Folón e do Picón, a Ribeira Sacra e o castro de Santa María de Cervantes.
Xunta de Galicia