Skip to main content

Presentada a nova edición de 'Monumenta: andar con arte' para achegar o patrimonio cutural á cidadanía

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da sétima edición de Monumenta andar con arte, un programa de actividades culturais organizado pola Consellería de Cultura e Turismo que se desenvolve en formato de itinerarios culturais a través de tres eixos: os Camiños de Santiago, a emigración e o ámbito mariño.

Así, do 3 ao 31 de agosto, o ciclo propón un total de oito andainas en Ares, Moaña, Sober, Oia, Cervo, Padrón, Castro Caldelas e Parada de Sil. Algunhas delas contan con actividades complementarias como Monumenta Escoita e Monumenta Degusta, ambas vinculadas con artistas e produtos locais. Deste xeito, a ruta das canteiras de Moaña e a construción da paisaxe urbana en Galicia contará coa actuación da agrupación Tanxedoras e coa colaboración da cooperativa A MeixoEira; a ruta da música no Camiño de Santiago e música para camiñar ofertará unha actuación da agrupación O Trícole e poderase degustar a rosca de Sober; a andaina do mosteiro de Oia e a historia do clima no Camiño Portugués da Costa contará coa participación do coro Encaixe, Apatacón e Faia Díaz de De Vacas, e ofrecerase información sobre o percebe.

No que respecta á visita a Sargadelos en Cervo, poderán escoitarse as composicións de Belém Tajes e Maritxinha e os asistentes poderán descubrir o ourizo; na ruta de Padrón, a sociedade agrícola A Pementeira achegará aos participantes ao pemento de Herbón; en Castro Caldelas falarase do orixe da bica e na ruta de Santa Cristina de Ribas de Sil os asistentes escoitarán ao dúo formado polo clarinetista Fernando Abre e o guitarrista Pablo Carrera, mentres se ofrece información sobre a festa da Pisa da Castaña.

O ciclo tamén conta con camiñantes convidados, expertos nos temas que centran cada unha das andainas, engadendo coñecementos a unha experiencia única. Así, para empezar o ciclo, o 3 de agosto o xeógrafo físico e divulgador científico Juan López e o presidente da Agrupación Instrutiva de Caamouco, Ernesto López, serán a mellor compaña para o percorrido pola vila de Redes, en Ares. Xeólogos, profesores, guías profesionais, arqueólogos, investigadores e ata unha espeleóloga formarán parte activa desta nova edición do ciclo Monumenta andar con arte.

Para favorecer un maior aprecio e coñecemento do patrimonio cultural, a Consellería de Cultura e Turismo vén promovendo iniciativas de achegamento aos bens monumentais a través de vivencias novas, unha liña na que se enmarca o ciclo Monumenta.

Máis información sobre o ciclo e inscricións nas andainas, na web http://monumentagalicia.com/
Xunta de Galicia