Skip to main content

Galicia exhibe no Salón Náutico de París a súa oferta turística neste eido con instalacións recreativas de primeiro nivel

Este ano, instalouse un recinto de 48 metros cadrados a través do que se difundirá a oferta náutica galega neste certame, que chega á súa LVIII edición e no que a entidade de promoción turística da Xunta de Galicia participa dende hai 19 anos. O recinto para promover o turismo náutico galego posibilitará tamén a toma de contacto e as relacións comerciais entre os profesionais galegos e os empresarios do sector.

A Consellería de Cultura e Turismo e a Consellería do Mar, a través da Axencia Turismo de Galicia e de Portos de Galicia participan neste espazo dedicado a Galicia, apoiando a promoción e a consolidación da Comunidade como destino náutico de primeira orde internacional.

Axentes especializados

Ademais do contacto empresarial cos participantes no Salón, o Goberno autonómico desenvolverá unha axenda de reunións, na que se incluirán encontros institucionais e presentacións públicas para difundir o potencial da náutica galega e o das súas instalacións e servizos portuarios. O Salón Náutico de París contará coa presenza de máis de 700 expositores e máis de 1.000 barcos, mentres que se esperan máis de 200.000 visitantes.

Segundo datos da presenza de Galicia en anteriores edicións, a gran maioría dos visitantes son afeccionados á náutica que valoran moi positivamente as condicións de navegabilidade da nosa costa, a gastronomía, a paisaxe e a hospitalidade da xente. O perfil dos visitantes con maior interese pola nosa Comunidade corresponde a persoas de máis de 40 anos procedentes de Bretaña e Normandía e doutros países limítrofes como Bélxica. Galicia resulta ser un destino atractivo como escala para travesías do Atlántico.
Xunta de Galicia