Skip to main content

A enogastronomía galega promóvese esta fin de semana en Frankfurt a través do certame Kulinart

A actividade de promoción internacional dos produtos e servizos turísticos de Galicia desenvolvida pola Consellería de Cultura e Turismo leva esta fin de semana a gastronomía galega ao festival Kulinart, que se celebra na cidade alemá de Frankfurt esta fin de semana e no que participan máis de 80 expositores.

Trátase dun certame aberto ao público xeral no que o departamento da Xunta de Galicia instala un expositor para difundir os valores enogastronómicos galegos entre os visitantes a través de degustacións de produtos propios da nosa gastronomía, ademais de viños e licores con denominación de orixe.

Durante esta fin de semana, tamén está prevista a organización de dous showcookings para 50 persoas cada un e no que participarán profesionais da cociña, divulgadores gastronómicos e xornalistas especializados. Esta actividade estará dirixida polo chef Javier Rodríguez Ponte “Taky”, cociñeiro do Grupo Nove e ex alumno do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG).

Viaxeiros alemáns

No referente á demanda turística, nos oito primeiros meses do ano foron máis de 77.000 os alemáns que se aloxaron nos establecementos hoteleiros de Galicia, que realizaron preto de 130.000 noites. Neste ámbito tamén hai que salientar o incremento da estadía media dos turistas alemáns en Galicia, que medrou un 4,7% nos oito primeiros meses do ano en relación ao mesmo período do ano anterior. Polo que respecta ao Camiño de Santiago, no que vai de ano xa chegaron a Santiago de Compostela máis de 24.000 peregrinos procedentes de Alemaña, o que supón un 9,6% máis que no mesmo período de 2017.

A presenza de Galicia nesta feira alíñase cun dos principais compromisos desta lexislatura ao redor do turismo e que se materializará no Plan de Enogastronomía no que o Goberno galego está a traballar nos últimos meses e que será a folla de ruta para os vindeiros anos, coa calidade como referencia. Este novo Plan porá especial énfase no vínculo da enogastronomía co resto de elementos diferenciadores do noso turismo.
Consellería de Cultura e Turismo