O concerto do grupo Capella Sancta Maria na ex-colexiata de Baiona, nova proposta de espazos sonoros 2018

Capella Sancta Maria ofrece “un son cálido e, ao tempo, apaixonado nas súas interpretacións”, para lles dar vida a unhas músicas afastadas no tempo, pero próximas “na sensibilidade e serenidade que transmiten”. A igrexa de Santa María de Baiona, de estilo cisterciense, empezouse a construír no século XIII e foi colexiata entre os séculos XV e XIX. A súa beleza e a acústica do templo fan dela un lugar único para gozar desta nova proposta de Espazos Sonoros.
Tras o seu paso pola illa de Sálvora e O Grove na xornada inaugural e, o pasado domingo, polo campamento romano da Ciadella, onde actuou o grupo Sax Antiqua, Espazos Sonoros prepara xa a xornada do día 15, unha oferta literaria e de lecer arredor da figura de Otero Pedrayo. A cita vai ser no que fora o fogar do escritor, a Casa Grande de Trasalba, en Amoeiro (Ourense) e para o roteiro literario, que require inscrición previa, non quedan xa prazas dispoñibles. A música correrá a cargo do M.Sancho Quartet e para o concerto a entrada é libre ata completar a capacidade.
A programación completa da undécima edición de Espazos Sonoros pode consultarse en www.espazossonoros.org e en www.cultura.gal.
Espazos Sonoros