Skip to main content

24 artistas confirmados para o WOS Festival x SON Estrella Galicia

‘Continuum’ é considerado un dos traballos máis emblemáticos do artista e experimentador sonoro Paul Jebanasam: unha obra impresionante e desbordante na que as composicións expresan forzas do universo e a vida, desde a complexidade dos acontecementos celestes ata o comportamento celular. Acompáñalle o artista visual Tarik Barri, un dos máis solicitados e celebrados do actual panorama electrónico. A performance, aclamada en festivais de toda Europa, require unha escoita profunda, conformando un espectáculo que mergulla e desorienta, e no que o son e a luz arrastran ao espectador nunha experiencia difícil de describir con palabras.

Entre os oito novos nomes que se incorporan ao cartel sonoro atópanse tamén, encargados de prender lume á noite do sábado, The Bug feat. Miss Red, un combo apocalíptico e incendiario na órbita da escuadra Ninja Tune formado polo dj e produtor Kevin Martin e a MC israelí Sharon Stern. Martin, colaborador de Godflesh, Techno Animal, My Bloody Valentine, El-P, Death Grips, Grouper, Nine Inch Nails ou John Zorn, por citar uns cuantos, desata nos seus directos auténticos terremotos de dancehall, grime, hip-hop e dub-noise. Contará ao micrófono para a súa actuación en WOS Festival x SON Estrella Galicia coa MC israelí Miss Red, considerada para moitos una das artistas revelación dos últimos anos. A cantante e MC aproveitará para presentar en Galicia o seu primeiro LP “K.O.”, producido por The Bug e ante o que se renderon instantaneamente medios como Quietus, Mojo, Uncut ou Observer.

Un dos pratos fortes da edición será o artista húngaro Gábor Lázár, autor desde o seu debut en 2013 de cinco LPs que lle valeron figurar repetidamente nas listas dos mellores discos e artistas revelación do ano de Rolling Stone ou Resident Advisor, e conquistar á emisora NTS, The Guardian ou The Quietus. As súas pistas son pinchadadas reiteradamente por xenios como Aphex Twin, e gañáronlle a consideración de “futuro da música electrónica”. En maio de 2018 Gábor publicou 'Unfold', unha expedición aos confíns do 2-step e dub techno que lle consagrou como unha das voces protagonistas da música electrónica de vanguardia da actualidade.

Pola súa banda, o recoñecemento e fama do inusual dúo xaponés Group A atópase nun ascenso imparable. As súas impactantes actuacións, de importante compoñente performativo, constitúen unha parte substancial da súa obra e, invariablemente, unha experiencia fóra do común. O dúo colleita ao seu paso admiración e respecto, compartindo escenarios con Merzbow, Nisennenmondai ou Melt Banana. Na súa discografía, como o seu disco do ano pasado para Mannequin Records, ‘12” EP’ (2017) ou o seu recentemente publicado ‘Circulation’ (Kashual Plastik, agosto 2018) soan ecos a Throbbing Gristle ou Cabaret Voltaire.

O festival contará tamén coa performance sonora 100 Keyboards, creada polo artista Asuna Arashi. A pesar de ser considerado un novo talento da arte sonora e a vangarda xaponesas, a traxectoria de Arashi remóntase aos 90. Pioneiro e figura clave na escena de ambient, drone e experimental de Tokio, Arashi publicou numerosas referencias discográficas en selos de todo o mundo. Nos últimos anos o seu traballo focalizouse no campo da performance e as instalacións, especialmente na fronteira que difumina a división entre arte e música. Arashi explora nesta obra os efectos físicos e psicolóxicos inducidos polas diferentes profundidades de son que forman parte da xeografía dun espazo.

Os longos anos de estudo e dedicación da chelista Lucy Railton, tamén fundadora e co-directora do London Contemporary Music Festival (LCMF), equipárona con técnicas e capacidades inmellorables para poñer a proba e explorar os límites da composición e a interpretación co seu instrumento. O seu traballo afúndese e reloce nunha bruma experimental, alternando entre o caos acústico e momentos de lucidez.

Pola súa banda, o proxecto da artista de desdendencia grega Christina Vantzou e o norteamericano John Also Bennett, CV & JAB, presentará o seu disco “Thoughts of a Dot as It Travels a Surface”, unha colección de vibracións, cordas abstractas e gravacións de campo baseada nun debuxo mural de 90 metros de longo realizado polo artista plástico Zin Taylor.

Para rematar, a novísima RRUCCULLA, que apenas pasando os 20 non para de deixar bocas abertas cunha electrónica e batería experimental que traen á mente a Tortoise, Battles, Four Tet ou Flying Lotus, con parada no jazz de vangarda, o dubstep ou o hip hop. Difícil de ver en directo, o ano pasado quedamos co mel nos beizos cando cancelou a súa visita a WOS Festival x SON Estrella Galicia, e este ano esperámola co dobre de ganas.

Estes novos nomes súmanse aos xa anunciados, chegando a un total de 24 artistas confirmados polo momento: ABU SOU · ABUL MOGARD · ASUNA ARASHI: 100 KEYBOARDS · CV & JAB · CHRISTINA VANTZOU · DEATH WHISTLE · GÁBOR LÁZÁR · GROUP A · JASSS · KREIDLER · LAUREL HALO · LUCY RAILTON · NADAH EL SHAZLY · ODDISEE · PAUL JEBANASAM & TARIK BARRI: CONTINUUM · RON MORELLI · RRUCCULLA · SKEE MASK · SPECTRUM · SUMRRÁ · SUSO SAIZ · TERRITOIRE · THE BUG FEAT. MISS RED · THE EVIL USSES.

A cita anual da produtora compostelá WORK ON SUNDAY terá lugar entre o mércores 12 e o domingo 16 de setembro, con SON ESTRELLA GALICIA vinculando o seu nome ao do festival como patrocinador principal. Os abonos Weekend (venres, sábado e domingo) e Premium (que dan acceso aos cinco días do festival) poden ser adquiridos en www.wosfestival.es e en tres puntos de venda físicos seleccionados. As entradas dun só día serán postas á venda nas próximas horas.
WOS Festival x SON Estrella Galicia