Skip to main content

A 12ª edición do ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural’ contará coa participación de 86 establecementos e 172 menús diferentes

Nesta ocasión, adhírense a esta proposta 23 casas de turismo rural da provincia da Coruña, 19 de Lugo, 25 de Pontevedra e 19 de Ourense. Todas elas están a ser anunciadas a través dun autobús promocional que percorre Galicia desde a pasada fin de semana e que hoxe chegou a Monforte de Lemos. Despois de pasar por A Coruña e Vigo, esta semana visitará Ourense, Pontevedra, Combarro e rematará o venres en Santiago de Compostela.

Como parte desta iniciativa, que busca captar a atención dos galegos e dos turistas nesta época do ano, sortéanse 10 Fins de Semana Outono Gastronómico para dúas persoas entre aqueles que se fagan unha fotografía co bus e a suban ao Facebook de Turismo de Galicia.

“Poñemos xa a vista no outono, a época na que máis evolucionou o turismo en Galicia no pasado ano, achegando motivos para visitar a Comunidade tamén nesta época”, sinalou Nava Castro, quen lembrou o éxito do Outono Gastronómico, pois ao longo de 11 edicións suma preto de 60.000 participantes e foi recoñecido na Feira Internacional de Turismo Fitur 2016 como Mellor Produto de Turismo Activo Nacional na modalidade de Enogastronomía.

Ata catro modalidades para elixir

O Outono Gastronómico en Turismo Rural, con prezos moi competitivos, ofrece opcións que se adaptan ao tipo de viaxeiros, ás súas preferencias ou á duración da estadía. Estarán dispoñibles todas as fins de semana, agás ás do 12 ao 14 de outubro e 7 ao 9 de decembro:

- A oferta Menú Outono Gastronómico, deseñada exclusivamente para esta ocasión, inclúe entrantes, primeiros e segundos pratos, sobremesas, cafés ou infusións, viños das distintas denominacións de orixe galegas e outras bebidas polo prezo global de 30 euros por persoa.

- Tamén se ofrece a posibilidade do Paquete Outono Gastronómico que permite degustar o menú Outono gastronómico e pernoitar na casa de turismo rural elixida, incluíndo os almorzos do día seguinte. Esta segunda modalidade prevé un menú por persoa máis aloxamento e almorzo, a escoller entre a noite de venres ou sábado. O prezo é de 120 euros para dúas persoas en cuarto dobre ou de 80 euros para unha persoa en cuarto individual.

- Outra das opcións é gozar da Fin de semana Outono Gastronómico, que inclúe dous menús por persoa máis o aloxamento, na noite de venres e sábado. O prezo é de 200 euros para dúas persoas en cuarto dobre e 140 para unha persoa en cuarto individual.

- E se se quere compartir coa familia unha fin de semana, existe a Fin de semana familiar Outono Gastronómico que inclúe ofertas para un e dous nenos ata 14 anos. Para parellas acompañadas dun neno, a oferta de menús e aloxamento será de 260 euros, mentres que para as que vaian acompañadas de dous rapaces o prezo será de 300 euros.

Novos Plan de Turismo Rural e Enogastrónomico

Como en edicións anteriores, póñense a disposición dos viaxeiros guías informativas que poderán atoparse nos propios establecementos de turismo rural participantes, nas oficinas de turismo, nos campos de golf e noutros espazos públicos de Galicia. Tamén se distribuirán cartaces e dípticos para a súa divulgación e se promoverá nas redes sociais. Toda a información está dispoñible na web de Turismo de Galicia e outonogastronomico2018.com.

Como manifestou Nava Castro, “iniciativas como o Outono Gastronómico axúdanos a seguir impulsando o turismo rural, que o pasado ano acadou xa estimacións previstas para 2020 na Estratexia do turismo de Galicia”. Esta folla de ruta, froito do diálogo co sector e dotada con 240 millóns euros de orzamento, apunta á desestacionalización da demanda turística como unha das liñas de traballo nun destino que aposta pola calidade e pola autenticidade.

Ao respecto, a directora salientou que nestes momentos o Goberno galego está a deseñar o Plan Estratéxico de Turismo Rural e o Plan Enogastronómico, dous documentos a través dos que seguir mellorando en eidos nos que Galicia está chamada a ser un referente.
Outono Gastronómico