Skip to main content

O posto da marca …E Para Comer, Lugo fará promoción turística da provincia en La Vuelta 2018

Acompañaron ao presidente da Apehl varios respresentantes da política autonómica, provincial e local, así como participantes na competición e patrocinadores. Entre eles, cómpre citar ao delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro; a secretaria da Mesa do Parlamento, Raquel Arias; Belén do Campo, directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias Belén do Campo; Paloma Vázquez, xefa territorial de Turismo, e o alcalde de Ferreira de Pantón, José Luis Álvarez. Como representantes do Concello de Lugo acudiron Ana González Abelleira, concelleira de Asuntos sociais, e os concelleiros do Partido Popular Antonio Meijide e Ángel Trabada.

Entre as persoas que taballarán en La Vuelta estiveron presentes Iñaki Albistur, propietario do catering de La Vuelta, e Bruno Perna, responsable da Horta de Paula (Mondoñedo), un dos cociñeiros encargados de realizar degustacións dos produtos lucenses durante a competición. Finalmente, asistiron Jesús Lázare, presidente do CB Breogán; Mari Paz Bergantiños, conselleira de Administración do CD Lugo, e Raquel Saqués, filla de Tino Saqués, presidente do club, e un representante de Transportes Valín, colaboradores habituais da difusión da marca …E para comer Lugo.

Esta será a sétima vez consecutiva que a Apehl faga promoción turística da provincia de Lugo por todo o país durante o desenvolvemento desta competición. O posto de … E para comer, Lugo, instalado na zona VIP das 21 saídas de etapa e atendido directamente por persoal da Asociación, goza cada ano dunha grande acollida por parte do público. Ao igual que nas anteriores edicións, serviranse a todos os visitantes aperitivos elaborados con produtos da nosa terra e difundiranse exemplares da guía ... E para comer, Lugo.

Na súa intervención, Real agradeceulles o seu apoio á Xunta de Galicia e mais aos produtores lucenses que abastecen o posto da materia prima necesaria para realizar as degustacións. De momento, nesta lista de colaboradores atópanse os consellos reguladores da Ribeira Sacra, Ternera Gallega, Queixo Arzúa-Ulloa, Queixo do Cebreiro, Pataca de Galicia e Castaña de Galicia, así como Avimós, Asovega, Fabas de Lourenzá, Armadores de Burela, Galletas Daveiga, Grelos de Galicia, Pementos de Mougán, Mel de Galicia, Afapan. Cómpre destacar que este ano por primeira vez súmanse á lista de colaboradores a firma Leite 100 % Galega e a Asociación Nacional de Criadores de Ganado Vacuno Selecto de Raza Rubia Gallega (Acruga). Segundo o presidente da Apehl, “son moitas as persoas que eloxian a calidade, a frescura e a variedade dos produtos que se ofrecen no stand da Asociación e así queremos que siga sendo”.

Pola súa banda, Ángeles Vázquez, resaltou a marca … E para comer, Lugo como o slogan identitario da provincia que ano tras ano ve medrar o número de turistas e lembrou o apoio que a Xunta de Galicia realiza en cada edición. Así mesmo, como conselleira do Medio Rural, apuntou que se sente moi orgullosa de que unha gran parte dos colaboradores pertenzan ao sector agrogandeiro da nosa comunidade.

Nava Castro salientou a importancia de potenciar a gastronomía, posto que é un dos motivos principais polo que os turistas escollen esta comunidade como destino. Neste sentido, valorou o papel da marca …E para comer, Lugo coma un referente para promover a gastronomía galega.

Tamén o director de La Vuelta destacou o rol desta campaña, xa que é un proxecto que entronca perfectamente coa súa pretensión de que a proba ciclista non sexa só un evento deportivo, senón un evento social, unha plataforma popular para dar a coñecer as marabillas dos lugares polo que se pasa. Neste sentido, insistiu no “valor deses lugares” coma un elemento de comunicación pois, segundo lles lembrou a todos os asistentes La Vuelta foi seguida na pasada edición por máis de dezanove país e alcanzou os 4oo millóns de visualizacións.
Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería y Turismo de Lugo