Skip to main content

O Parque Nacional das Illas Atlánticas ofrece a posibilidade de achegarse ao mundo da astronomía con actividades e charlas durante o mes de agosto

Para poder participar nalgunha destas accións, que se desenvolverán todos os días en varias quendas diúrnas e nocturnas, os interesados poderán inscribirse na propia illa e os grupos organizaranse in situ, co obxectivo de que ninguén quede sen poder participar.

A celebración das actividades prácticas estarán condicionadas pola meteoroloxía e para levalas a cabo, disporase na illa de material óptico de última xeración e equipos electrónicos de radio. Así, contarase cunha zona habilitada á beira do centro de interpretación das illas Cíes na que estará colocado un planetario móbil, prestado pola Fundación La Caixa co fin de poder achegar a astronomía á poboación en xeral nun lugar tan singular como o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. O resto de charlas e actividades levaranse a cabo no propio centro de interpretación e no auditorio de Cíes.

A maiores, no centro de visitantes da illa, situado no antigo convento, realizarase tamén unha sesión de astronomía dunha hora de duración para coñecer datos básicos sobre a materia. O obxectivo é que todo o público asistente poida interactuar ou expor as súas preguntas e dúbidas ao respecto.

Así mesmo, durante o segundo fin de semana de agosto e coincidindo coa choiva de estrelas das Perseidas (coñecidas como Lágrimas de San Lourenzo) haberá unha programación especial na zona da Pedra dá Campá, con actividades de astronomía e radioastronomía a partir das 22:00 horas.

Cíes, destino ‘Starlight’

O Parque Nacional das Illas Atlánticas é un destino turístico Starlight desde o ano 2016, de aí a importancia de actividades coma esta, que buscan difundir os valores do ceo nocturno do arquipélago e promover a observación das estrelas desde as illas.

Os destinos turísticos Starlight, avaliados pola UNESCO e recoñecidos pola Fundación Starlight, entidade de ámbito internacional vinculada ao Instituto Astrofísico de Canarias, son lugares visitables que gozan de excelentes cualidades para contemplar os ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, son especialmente aptos para actividades turísticas baseadas neste recurso natural.

O Sistema de Certificación Turística Starlight creouse co obxectivo de fomentar a mellora da calidade das experiencias turísticas e a protección dos ceos nocturnos nos espazos seleccionados. Neste sentido, a certificación Starlight permite axuntar ciencia e turismo a través da astronomía e da visión do firmamento como ferramentas para fomentar unha nova forma de turismo intelixente.

Cómpre lembrar que o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia recibiu a finais de 2015 a Carta Europea de Turismo Sustentable (CETS) en recoñecemento ao seu compromiso activo co desenvolvemento dunha actividade turística de calidade. As actividades de observación de estrelas e divulgación astronómica programadas en agosto enmárcanse tamén nos obxectivos da CETS, que busca mellorar a calidade da oferta turística do arquipélago, facéndoa compatible coa conservación dos seus valores naturais.

Neste sentido, desde a dirección do Parque Nacional estase a traballar tamén coas empresas que colaboran na carta para desenvolver produtos turísticos baseados na contemplación do ceo nocturno e as estrelas.

Para iso, está previsto levar a cabo no parque charlas divulgativas e actividades de fotografía de ceos nocturnos; están proxectados cursos de formación para guías así como a elaboración de material divulgativo; e programaranse actividades relacionadas coa observación e protección do ceo nocturno nos seus Centros de Interpretación e sobre o terreo nas illas.
Parque Nacional das Illas Atlánticas